Ir o contido principal

‘Mulleres en círculo’ bota o peche na Igrexa este mércores

Foto: Mulleres en Círculo
Foto: Mulleres en Círculo

Investigar sobre as formas de creación que se dan nos círculos de mulleres é o eixo do proxecto experimental colaborativo ‘Mulleres en Círculo’ que, iniciado pola ourensana Reme Remedios en 2014 con motivo do Festival ‘Miradas de Mujeres’ e comisariada por Clara Rodríguez Cordeiro, chega ao seu fin este mércores na Igrexa da Universidade logo dun mes de traballo con 13 actividades distintas e máis de 1.300 visitas.

A clausura celebrarase con distintas performances que, se o tempo o permite, transcenderán o espazo da Igrexa. En horario de mañá poderase visitar a exposición acompañados da artista.

A mostra ‘en proceso’ xurdiu coa idea de transformar a acción artística en ferramenta para intervir na sociedade dende un posicionamento crítico, reivindicando o papel activo da muller na sociedade e no mundo da arte. Coa montaxe tratouse de propiciar a creación dun círculo de traballo artístico e feminista e favorecer unha reflexión colectiva sobre a historiografía dos círculos de mulleres en torno a tradicións consideradas domésticas e a súa aplicación polos primeiros feminismos no mundo da arte e a política.

A montaxe
Na súa orixe foron 35 as mulleres invitadas a sentarse en círculo para crear con outras mulleres. Formaron en DOSMILVACAS un círculo de 3,30 metros de diámetro e a partir das súas propias prendas de vestir construíron con estas mesmas medidas a peza que articula esta proposta expositiva: a Cabaña Vermella.

Inspirada nas tradicionais tendas lunares que algunha vez foron lugar de reclusión (e exclusión) para as mulleres durante os seus períodos menstruais, a Cabaña Vermella se transformou nesta proposta nun lugar de reunión e poder, ocupando o altar central da Igrexa da Universidade. En paralelo á exposición realizáronse numerosos obradoiros de caracter gratuito sobre creatividade, muller e feminismo, ademais de dúas charlas sobre arte e muller: Círculos de Mulleres na historia da arte e As Deusas da prehistoria.

As propias artistas foron as responsables do espazo, coordinadas por Reme Remedios, Clara Rodríguez Cordeiro e 7H cooperativa cultural, establecendo previamente horarios de visita aberta e atención ao público, días de proxeccións ou accións artísticas e outros de traballo a porta cerrada.

Reme Remedios
Reme Remedios é artista, terapeuta e xestora cultural. Os seus coñecementos artísticos e a súa formación en técnicas de Gestalt son utilizados nas súas propostas artísticas como ferramentas para fomentar desde a arte o desenvolvemento do potencial individual e colectivo, apostando por aplicar a investigación científica á creación contemporánea. A aproximación de Reme Remedios ao mundo da creación comeza na súa adolescencia e a través da costura, elemento que substitúe pola pintura en canto comeza a súa formación en artes plásticas, para rematar fusionando ambos universos a partir do ano 2005. É dun xeito case casual que o mundo dos fíos e tecidos se entrelaza coas súas pinturas, e este modo de creación mixto supón tamén o nacemento das súas obras colaborativas.

Foto: Mulleres en Círculo Foto: Mulleres en Círculo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2016.