Un novo mural rende tributo a Rosalía, Valle-Inclán e Lorca na Escola Infantil Breogán
O Xardín Literario da Escola Infantil Breogán conta dende este luns 30 cun Mural dos Escritores, da autoría de Ana Costas, que representa plasticamente a obra literaria e a figura dos autores Rosalía de Castro, Valle-Inclán e Lorca. O acto inaugural acolleu unha peza da compañía de títeres Cachirulo dirixida aos bebés da Escola, na que rescataron materiais previos da compañía con fragmentos concibidos especialmente para a ocasión.
O primeiro xermolo da iniciativa xorde hai dous anos, por iniciativa de Luz González Vázquez, directora da Escola Infantil Breogán até a súa xubilación o pasado curso, e María do Cebreiro, nai usuaria da escola, profesora da Facultade de Filoloxía da USC e responsable de distintos proxectos sobre a memoria literaria de Rosalía de Castro. A idea axiña recibiu o apoio da Fundación Rosalía de Castro —entidade colaboradora dun proxecto dedicado a analizar a obra da autora, coordinado por Fernando Cabo e a propia María do Cebreiro—, que no mes de setembro de 2022 fixo a doazón dun fillo da magnolia homónima, sita na Casa da Matanza, co que deu comezo o Xardín Literario.
Asemade, no terreo colindante á Escola foron plantados un xasmín, co que se procura honrar a memoria de Federico García Lorca, e mais unha roseira, dedicada ao escritor Ramón María del Valle-Inclán. Como culminación do proxecto, a pintora Ana Costas deseñou e executou un mural no que aparece unha imaxinativa representación de Lorca, Valle e Rosalía, acompañados de motivos emblemáticos e de fragmentos significativos da súa obra, e concibida especificamente para o público infantil.
Por medio desta proposta a Escola Infantil Breogán, dirixida na actualidade pola mestra Maica Romero Gil, procura render homenaxe a tres escritores estreitamente vinculados á cidade de Santiago, onde contan con monumentos significativos en espazos tan emblemáticos como a Alameda compostelá. Pensado en diálogo con estas iniciativas, “o xardín literario ofrece o aliciente de ser o primeiro lugar de memoria literaria da cidade”, explican as persoas impulsoras da iniciativa, “con función educativa” orientado a bebés de idades comprendidas entre os tres meses e os tres anos de idade.