O Museo de Historia Natural da USC inaugura unha exposición sobre riscos xeolóxicos

En Galicia estamos expostos a perigos naturais como inundacións, desprendementos e corrementos de pedras e terras, terremotos e acumulación de gases canceríxenos no interior de edificios, como o radon. Para concienciar a sociedade deses riscos e poder tomar, con coñecemento, medidas de prevención e mitigación de danos, o Museo de Historia Natural da USC en colaboración coa Delegación Territorial do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España en Galicia realizan a primeira exposición que se fai no Estado sobre esta temática.
A mostra ‘Riscos Xeolóxicos: danos que pode causar a natureza’ inaugúrase este xoves 20 ás 20:00 horas nun acto aberto ao público e no que participarán a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, a directora do Museo, María Isabel Fraga, e o responsable da Delegación Territorial do Instituto, Miguel Llorente.
Nas maquetas, paneis e elementos interactivos represéntanse de forma realista paisaxes antes e despois de terremotos, inundacións e movementos de ladeiras, con explicacións rigorosas dos aspectos xeolóxicos causantes dos fenómenos que se mostran na superficie.
As persoas visitantes poderán coñecer a importancia de adoptar medidas de prevención na construción de edificios, tanto nas estruturas fronte a terremotos como no illamento e ventilación fronte a gases procedentes das rochas e solos, e a súa localización fóra das zonas con riscos de inundacións e movementos de ladeiras.
A entrada a esta exposición temporal será de balde en horario de apertura do Museo de Historia Natural.