Ir o contido principal

O Museo de Historia Natural da USC participa na Semana da Ciencia cunha exposición sobre as hortas e as súas plantas

Baixo o título ‘Da natureza á cociña. Historia das plantas das nosas hortas’, o Museo de Historia Natural ‘Luis Iglesias’ da USC ensinará nunha exposición, de forma amena e entretida, a orixe, historia e evolución dalgunhas das especies vexetais cultivadas para alimentación nas hortas galegas.
A mostra inaugúrase este xoves, día 6, ás 19:30 horas no claustro baixo do Colexio de Fonseca coa presenza, entre outros, do reitor da USC, Senén Barro; o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato; e a directora do Museo organizador, Mabel Fraga.
Patrocinada pola FECTY e a Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria a través de Diverciencia, coa colaboración da Vicerreitoría de Cultura, a mostra forma parte das actividades da semana da Ciencia. Así, ata o 31 de novembro o visitante terá a oportunidade de coñecer as nosas hortas a través de pequenas reproducións con plantas vivas, medios audiovisuais (xogos de ordenador e filmacións), paneis e exemplares variados.
A exposición estará aberta de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2008.