O Museo Universitario A Domus do Mitreo inicia na arqueoloxía a estudantes de ensino medio con obradoiros de base científica
Unha delegación de alumnado de ensino medio procedente dos institutos de ensino secundario Lagoa de Antela e Cidade de Antioquía, no concello ourensán de Xinzo de Limia, participaron en diversos obradoiros de arqueoloxía no Museo Universitario A Domus do Mitreo, en Lugo.
A visita desta delegación ourensá á sede universitaria luguesa encadrouse no marco dunha actividade didáctica de base científica, a través da que o estudantado de ensino medio tivo a ocasión de simular o traballo que desenvolven os profesionais da arqueoloxía en diversas fases do seu traballo, tales como a escavación, manipulación de materiais e a experimentación de procesos científicos posteriores ao achados.
A directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo, a profesora de Historia Antiga da USC na Facultade de Humanidades, Dolores Dopico Caínzos, que acompañou á delegación estudantil durante parte da súa estadía nas dependencias do museo, salientou que este tipo de accións pretenden poñer en valor a importancia do patrimonio histórico e a súa protección, ademais de contribuír á divulgación da investigación que se desenvolve arredor da arqueoloxía, a prehistoria e o patrimonio.
Acompañados de titores docentes dos centros educativos de procedencia, o alumnado de ensino medio chegado á sede universitaria luguesa desde Xinzo de Limia realizou unha visita guiada ao xacemento que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo, para logo ser protagonista dunha simulación de achádego arqueolóxico.
Nestes obradoiros, que espertaron moito interese entre os participantes, os estudantes dos Ies Cidade de Antioquía e Lagoa de Antela tiveron que desenterrar varios obxectos, a xeito de réplicas de elementos descubertos na escavación orixinal, para logo proceder á súa identificación.