Ir o contido principal

Música e cidade, eixo da terceira edición do ciclo Sons Creativos

O ciclo Sons Creativos desenvolverase os días 20 e 21 de maio na Casa do Saber
O ciclo Sons Creativos desenvolverase os días 20 e 21 de maio na Casa do Saber

Dedicado este ano ao compositor, instrumentista e musicólogo valenciano Llorenç Barber, o ciclo Sons Creativos presenta a súa terceira edición baixo o lema ‘Música e Cidade’, que se desenvolverá os días 20 e 21 de maio na Casa do Saber, na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo. A iniciativa ‘Sons Creativos’, organizada ao amparo do convenio Lugo Cultural, xorde da idea de facer un intercambio musical entre a USC e outras universidades ou colectivos de música contemporánea, ao tempo que serve de foro de encontro para os compositores e creadores musicais máis vangardistas do panorama nacional. As persoas interesadas en participar nesta actividade pódense inscribir dende este xoves 5 ata o 18 de maio na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. O programa de Sons Creativos presentouse este mércores nunha rolda de prensa na que participaron o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo; a coordinadora do ciclo, Inmaculada Cárdenas; a concelleira de Cultura de Lugo, Nuria Mundiña; Antonio Veiga en representación da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo; e Sinesio Pérez, de Novacaixagalicia. O programa A programación de Sons Creativos inaugurarase o venres 20 de maio ás 9:30 horas e continuará cun relatorio e mesa redonda sobre paisaxe sonora a cargo de José Luis Carles e Cristina Palmese. Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, Pilar Cabeza e Elena Hidalgo intervirán noutro debate sobre música, cidade e pedagoxía. Esculturas sonoras será o título da charla que pronunciará deseguido Antonio Alcázar. A xornada do venres rematará cun concerto colectivo, ás 20:30 horas, con obras de José Luis Carles e Cristina Palmese, Efraím Díaz, Pilar Cabeza, Elena Hidalgo, Antonio Alcázar, alumnos de Miguel Molina e do Grupo de Creación Musical da USC (Inmaculada Cárdenas, Arturo Vaquero e Mónica Álvarez). A sesión do sábado, 21 de maio, comezará ás 10:00 horas coa presentación do traballo colectivo realizado pola profesora Mónica Álvarez cos seus alumnos do CEIP San Mamede (Mosteiro de Santa María de Montederramo) e música por ordenador con estudantes de ensino medio de Charo Herrero (Valladolid).

Xa ás 12:00 terá lugar a última das mesas redondas na que, sobre arte sonoro e cidade, intervirán alumnos de Miguel Molina, da Universitat Politécnica de València.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2011.