Ir o contido principal

Música contemporánea na Universidade, no marco do ciclo MIHLSons XXI

Ventoso, Basadre e Silva, na presentación do ciclo MIHLSons XXI
Ventoso, Basadre e Silva, na presentación do ciclo MIHLSons XXI
A Casa do Saber acubillará en marzo e abril tres concertos dun ciclo que dá continuidade ao labor iniciado pola USC co GCSUSC e agora plasmado nos 'Sons Creativos', sinala Carme Silva

A Casa do Saber da USC acubillará en marzo e abril tres dos concertos programados no marco da terceira edición do ciclo de música contemporánea de Lugo MIHLSons XXI, un programa artístico e didáctico dirixido por Diego Ventoso e no que se afonda na historia da música e da danza contemporánea, ademais de dar cabida a outras disciplinas artísticas, tales como a fotografía ou as creacións e instalacións sonoras.

O ciclo de música contemporánea promovido polo Concello de Lugo en colaboración coa USC e cos conservatorios profesionais de Música e Danza, entre outras institución, é unha proposta acaída para achegar as manifestacións artísticas actuais e propias do século XXI á sociedade luguesa e coa que se dá continuidade á liña de traballo a prol da música contemporánea encetada hai xa máis de tres lustros polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUSC) da man de Inmaculada Cárdenas, sinalou a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo. A ligazón da USC coa música contemporánea acadou se cabe máis visibilidade nos últimos anos cos ‘Sons Creativos’, unha plataforma de intercambio cultural, investigación e creación sonora que se desenvolve no marco das actividades financiadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan USC, Concello e Deputación de Lugo, e que no mes de maio chegará á sétima edición, engadiu Carme Silva na presentación do terceiro ciclo MIHLSons XXI, un programa “xa imprescindible na oferta cultural da capital luguesa”, segundo indicou a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, que tamén lembrou que está edición está especialmente dirixida a estudantes de ensinanzas medias. A implicación da USC no desenvolvemento deste ciclo de música contemporánea, dirixido polo músico e profesor do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, Diego Ventoso, maniféstase sobre todo na cesión do auditorio da Casa do Saber para a celebración de tres concertos, pero tamén na presenza entre os relatores do profesor na Facultade de Veterinaria e melómano autodidacta Pablo Sánchez Quinteiro. Programa Pablo Sánchez Quinteiro abrirá o vindeiro martes 17 na Casa do Saber a quenda de relatorios da terceira edición do ciclo MIHLSons XXI cunha intervención baixo o título ‘O camiño á modernidade’. Ao seu remate, Juan Ignacio Martínez Pardo, pianista e profesor do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, ofrecerá no mesmo escenario o concerto ‘Máis aló da tonalidade’, cuxo programa inclúe composicións de Mahler, Liszt, Debussy, Schönberg e Webern. A Casa do Saber acubillará o 24 de marzo a segunda das catro conferencias concerto que contempla este ciclo de música contemporánea. Nesta ocasión, Javier María López Rodríguez disertará sobre as tendencias musicais no segundo terzo do século XX. De seguido, o pianista Vicente Uñón ofrecerá o concerto ‘Os elementos do Makrokosmos’, que incluirá proxeccións de Xacobe Meléndrez. A diversificación experimentada nas catro últimas décadas da historia da música serán o eixo temático do relatorio que ofrecerá o compositor Iker Güemes Cabrejas o 7 de abril no Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, onde Diego Ventoso ofrecerá un concerto de percusión no que estreará tres novas creacións. O III Ciclo MIHLSons XXI continuará o 14 de abril no Museo Interactivo da Historia de Lugo cunha xornada de encontro e confluencia entre a danza e a música contemporánea. A relatora Raquel García abordará na súa intervención este proceso de conexión. Un concerto de resonancias en movemento, a cargo de Xoán Xil López, que inclúe a intervención do grupo de percusión do conservatorio Xoán Montes, e a representación de diversas coreografías da man das bailarinas do grupo de danza contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, completan a xornada.

A terceira edición do MIHLSons XXI, un proxecto cultural arredor da arte contemporánea no que conflúen sinerxías e achegas de diversas entidades e institucións luguesas, chegará ao seu remate o 24 de abril cun concerto didáctico para escolares no auditorio Gustavo Freire, que acubillará unha mostra de fotografías de estudantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón. Como preludio deste colofón, a formación luguesa Vertixe Sonora Ensemble ofrecerá o 17 de abril o concerto ‘Utopía Sonora’ no auditorio da Casa do Saber.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2015.