Música, gastronomía ou caligrafía para coñecer mellor as particularidades da cultura xaponesa
Ao longo de dúas xornadas, a sección de Xaponés do Centro de Linguas Modernas (CLM) organizará a I Semana Cultural de Xapón, un evento cultural e lingüístico con diferentes actividades que buscan mostrar particularidades da cultura xaponesa. No seu desenvolvemento colaboran a Embaixada de Xapón en España e a Asociación de Casa Galicia Xapón.
Música e gastronomía son dous dos ingredientes da primeira xornada, este mércores 23 a partir das 16.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía, nunha sesión que comezará cunha mesa redonda con estudantes de xaponés no CLM e estudantado xaponés na USC para realizar un intercambio cultural entre Galicia e Xapón. Deseguido, os propios estudantes realizarán dúas demostracións culturais, a primeira cun mini concerto de música galega e baile tradicional e a segunda sobre como se viste o quimono e o baile tradicional xaponés. As actividades do día rematarán cunha charla sobre a comida xaponesa á que seguirá unha taller práctico impartido por Megumi Shiozawa.
Na Aula Universia da Biblioteca Concepción Arenal, a xornada do xoves 24 arrancará ás 15.30 horas cun taller da arte da caligrafía xaponesa, que impartirá a mestra de caligrafía Madoka Kubota. A continuación, no Salón de Graos da Facultade de Dereito ás 17.30 horas, o ministro da embaixada de Xapón en España Kenji Hirata pronunciará a conferencia ‘Seguridade de Xapón. Realidade estratéxica en Asia e Política Exterior e de Seguridade’. Entre as 19.00 e as 20.30 haberá unha nova oportunidade participar noutro obradoiro de caligrafía xaponesa.