Música, investigación e educación, a debate no marco dun curso de verán da USC
Indagar sobre o que pode facer a educación pola música e o que pode facer a música pola educación son dos dous obxectivos fixados polos organizadores do curso de verán da USC ‘ Música,investigación e formación: a procura de converxencia desde a educación’, un dos programas incluídos na Universidade de Verán 2015 da USC que se desenvolverá os días 20 e 21 de xullo na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago. A USC mantén aberto o prazo de inscrición neste seminario estival ata o vindeiro día 10.
Dirixido por Silvana Longueira Matos e estruturado en 16 horas lectivas, este foro pretende favorecer a creación dun espazo de aprendizaxe e reflexión sobre a situación actual da investigación no ámbito das disciplinas artísticas e o seu lugar dentro da educación. A apertura de novas posibilidades de xerar espazos e contidos para o encontro e o intercambio entre a universidade e as ensinanzas superiores de música e artes escénicas, respecto da formación e a investigación na relación artes-educación, constitúen outras das premisas deste programa.
A decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Carmen Fernández Morante, inaugurará o 20 de xullo este curso de verán, no marco dun acto de benvida, tralo que o catedrático da USC José Manuel Touriñán Vázquez abrirá a quenda de relatorios cunha intervención baixo o título ‘ Investigando nas artes desde a educación. Os retos da investigación desde a mirada pedagóxica’. A música no sistema educativo, o horizonte da musicoloxía no marco integrador das ensinanzas superiores e a coordinación dos centros superiores das ensinanzas artísticas en Galicia son outras das cuestións que se abordarán no programa deste curso.