A música e a mitoloxía grega, protagonistas dos ciclos ‘Novos intérpretes 2011’ e ‘Orfeo na ópera e no cinema’ na USC
Trinta e cinco novos músicos galegos e o deus grego Orfeo son, dende o vindeiro luns 17, os protagonistas da programación cultural da USC. Trátase de dous ciclos, cuxa entrada é libre, que terán lugar no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) e na Fonoteca Universitaria (Facultade de Ciencias da Comunicación), respectivamente. Así, a partires das 18:00 horas exhibirase a obra ‘L Orfeo’ de Claudio Monteverdi na Facultade de Ciencias da Comunicación, abrindo o ciclo audiovisual ‘Orfeo na ópera e no cinema’, promovido pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade. O programa inclúe catro xornadas, que rematarán o martes 25 de xaneiro coa proxección de ‘Orfeo Negro’. Así mesmo, a colaboración entre a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e a Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza fai posible a celebración da décimo terceiro ‘Ciclo de Novos Intérpretes 2011’. O programa consta de 12 concertos con 35 novos músicos galegos ou residentes en Galicia, nos que a música de cámara será a protagonista coa interpretación de gran variedade de instrumentos e grupos pouco habituais como dúo de trompas ou dúo contrabaixos. O ciclo ábrese co concerto de clarinete de Nicolás Otero Conde e o de piano a cargo de Isabel Romero Tabeayo, que ofrecerán un programa de obras de Stravinski, Sutermeister e Haydn, entre outros. A actuación, que ten lugar no Paraninfo da Universidade, comeza ás 20:30 horas e a entrada é libre.