A música de Sensoxenoma, premio de Investigación e Innovación Responsable en Saúde do Instituto de Saúde Carlos III
A iniciativa musical e científica Sensoxenoma foi unha das propostas premiadas na convocatoria de Investigación e Innovación Responsable en Saúde que impulsa o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII). A cerimonia de entrega do galardón tivo lugar este xoves en Madrid e a ela asistiron o investigador principal do proxecto, Antonio Salas Ellacuriaga, catedrático da Facultade de Medicina da USC e investigador do IDIS; a directora científica do IDIS, Mª Luz Couce Pico, e a investigadora Laura Navarro Ramón. Recolleron o premio da man da directora do ISCIII, Marina Pollán.
A Comisión outorgou este recoñecemento a ‘Sensoxenoma22, na vangarda científica e cultural’ como iniciativa de participación cidadá que destaca polo seu innovador enfoque en investigación sobre música e saúde. O proxecto, liderado polos grupos de investigación GenPoB e GenViP da USC da área de Infectoloxía, Inflamación e Vacinas do IDIS, levou a cabo concertos “onde o público participou en investigacións xenómicas, fomentando a divulgación e a participación cidadá para mellorar a calidade de vida de pacientes con enfermidades crónicas”, sinalaron desde a Comisión.
Na entrega do premio, Antonio Salas destacou “o grande esforzo detrás deste proxecto, e máis ilusión se cabe. Doulles os parabéns a todas as persoas que nos acompañaron e nos seguen acompañando nesta fermosa aventura, con especial agarimo á Real Filharmonía de Galicia e a todas as asociacións de doentes que colaboran”.
Pola súa banda, a directora científica do IDIS, Mª Luz Couce Pico, puxo de manifesto a importancia do recoñecemento a este tipo de proxectos. “A participación cidadá é o motor que conecta a ciencia coa sociedade, garantindo que o coñecemento xerado responda aos verdadeiros intereses e necesidades da comunidade, e este proxecto é un gran exemplo desta conexión”, sinalou durante a cerimonia.
Pode a música modificar os nosos xenes?
Os resultados desta investigación proporcionan as primeiras evidencias de que, no caso do alzhéimer, se producen alteracións na maneira na que se expresan xenes relacionados coa música”. O investigador do IDIS Federico Martinón apunta que é “nas enfermidades neurodexenerativas, na parálise cerebral, no trastorno do espectro autista, onde temos cada vez máis evidencias que apuntan aos beneficios da música na enfermidade”. Desta forma, comprobouse que polo menos o 93 % dos estudos sobre os efectos da música na demencia reportan resultados positivos relacionados coa memoria e melloras cognitivas.
A través da recollida de mostras biolóxicas antes, durante e despois dos concertos musicais, Sensoxenoma estuda o impacto da música en distintas patoloxías neurodexenerativas, como o alzhéimer ou as demencias. O equipo investigador organizou unha serie de concertos musicais experimentais ao longo dos últimos anos "para investigar as bases xenéticas do estímulo musical e estudar o seu potencial terapéutico na loita contra a enfermidade, en liña coas novas tendencias cara á medicina personalizada", sinalan.
Un dos achados máis relevantes corrobora a tese dos datos presentados na última edición. “A música parece compensar a expresión de xenes e vías fisiolóxicas que están disfuncionais nos pacientes con deterioro cognitivo, suxerindo un efecto beneficioso na saúde cerebral”, sinala Antonio Salas, quen destaca tamén que “os resultados son sorprendentes e apuntan a que a música, unha vez procesada de maneira holística polas principais áreas anatómicas do encéfalo, é un estímulo activador de elementos importantes da resposta inmune cuxo eco resoa na cavidade bucal dos doantes”. “Satisfainos pensar que estes estudos poderían guiarnos na busca de roteiros e dianas terapéuticas na enfermidade”, dixo.
O equipo
O equipo investigador de Sensogenoma está composto ademais por Lorenzo Redondo Collazo, Federico Martinón Torres, Isabel Ferreiros Vidal, Carmen Rodríguez-Tenreiro Sánchez, Jacobo José Pardo Seco, Alberto Gómez Carballa, Irene Rivero Cale, Maria José Currás Tuala, Sara Pischedda, Xabier Bello Paderne, Alba Camiño Mera, Sandra Viz Lasheras, Miriam Ben García, Carlos Durán Suárez, Belén Mosquera Pérez, Sara Rey Vázquez e Laura Navarro Ramón.