Ir o contido principal

Música, teatro ou literatura conforman o programa do festival son[UT]opías 2015/2016

Música, teatro ou literatura conforman o programa do festival son[UT]opías 2015/2016
Música, teatro ou literatura conforman o programa do festival son[UT]opías 2015/2016
Desenvolverase en Santiago e Lugo ata o 30 de abril

A modo de festa da diversidade, das culturas e das sensacións, o proxecto campUSCulturae presentará co festival son[UT]opías 2015/2016 as conclusións alcanzadas neste bienio de traballo a prol do entendemento cultural, a inclusión na cultura das persoas en risco de exclusión social social e o diálogo das artes e os pobos.

O vicerreitor de Comunicación, Xosé Pereira, e o coordinador de campUSCulturae, Xosé A. Neira Cruz, presentaron en rolda de prensa os detalles do programa deseñado e que se vai desenvolver dende este xoves 21 ata o próximo día 30 de abril. Na presentación celebrada na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca tamén participaron o autor e director dun dos espectáculos incluídos no programa (Gute Nacht), Gonzalo Vázquez; os autores e directores da Pequeorquestra campUSCulturae Babyland, Alfonso Franco e Paula Solás; e os directores de Teatro pola Integración, Ana Carreira e Manuel Polo; e Fran Quiroga en representadas das Conversas das Culturas.

Un recital poético-musical, teatro, unha exposición arredor de Cervantes, Shakespeare e Rubén Darío ou diversas propostas musicais, conforman o programa de actividades que integran son[UT]opías. O calendario de actividades comezará este xoves 21 ás 19.00 horas no Comedor e no Xardín de Fonseca cun recital poético-musical organizado en colaboración co Decanato da Facultade de Filoloxía baixo o lema ‘Que fuxan o río e a rosa colorada’. Nel participarán Margarita Ledo, Arturo Casas, Lara Dopazo Ruibal, Juan Blanco, Alba Cid, Jesús Castro, Helena de Carlos e Ismael Ramos, todo eles docentes, estudantes ou persoal de administración da USC. O acompañamento musical corrresponderá a Canine.

Xa o día 23, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro, inaugurarase ás 11.30 horas na Biblioteca Internacional campUSCulturae da Diversidade Cultural a exposición ‘Tres escritores, tres culturas: Cervantes, Shakespeare e Rubén Darío’, en colaboración coa asociación ACIDE. Nesta sesión inaugural, na Sala de Exposición do Colexio de Fonseca, intervirá o catedrático de Literatura Española Santiago Fernández Mosquera e presentarase unha dramatización de textos do autores dirixida por Roberto Salgueiro.

Teatro pola integración
son[UT]opías continuará os días 26 e 27 ás 20.30 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, coa representación do espectáculo Gute Nacht que produce campUSCulturae segundo a idea e concepción artística do poeta, deseñador e performer Gonzalo Vázquez. Ao día seguinte, será a quenda de Teatro pola Integración, unha experiencia de arte dramática desenvolvida por actores e actrices con e sen discapacidade que resulta do traballo de experimentación e investigación de campUSCulturae neste ámbito e que dirixen Ana Carreira e Manuel Polo. A presentación celebrarase a partir das 18.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultades de Xeografía e Historia).

En colaboración coa Asociación Ultreia LGTB, a seguinte das actividades celebrarase o día 28 no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) ás 20.30 horas coa proxección da película XXY da directora Lucía Puenzo.

Sementeira
O día 29 a formación de corda integrada por nenos de 3 a 6 anos, Pequeorquestra Folk de GaliciaFiddle, interpretará pezas tradicionais da cultura popular nunha experiencia musical que percorre o mundo a través do fiddle. Co lema de ‘Sementeira’, o concerto comezará ás 19.00 horas no Paraninfo da Universidade.

Xa o día 30 ás 11.30 horas no Claustro do Colexio de Fonseca, abrirá as súas portas a exposición ‘MorteTerra’ que propón unha reflexión sobre a crise demográfica de Galicia, o despoboamento do rural e a perda da cultura inmaterial a partir do traballo do fotógrafo italiano Matteo Bertolino. O programa pecharase ese mesmo día ás 18.30 horas co concerto de jazz no Paraninfo da Universidade da Nenoorquestra, a orquestra Suzuki de Galicia, unha formación de corda de nenos de 3 a 6 anos procedentes de distintos lugares da comunidade autónoma que versionará en clave de jazz un repertorio para toda a familia. Esta é unha experiencia pioneira baixo o método didáctico Suzuki de aprendizaxe musical temperá que dirixe a Escola EnClave en Santiago baixo a coordinación de campUSCulturae.

Lugo
De xeito paralelo, o programa do Campus de Lugo concretarase no ciclo ‘Conversas das Culturas’ , ás 20.00 horas na Casa do Saber, a celebrar entre os días 25 e 28. Esta proposta pretende abrir o debate sobre cuestións como a autoxestión cultural e sentido común, o proxecto Cárcera, a revisión da cultura dende a ética da permacultura como filosofía para acadar unha cultura permanente ou as prácticas artísticas relacionadas.

campUSCulturae
campUSCulturae é unha aposta da USC co financiada pola EACEA Culture Agency da UE a prol das culturas do mundo, do entendemento intercultural e do fomento da diversidades e o pluralismo. Para este proxecto considerar a importancia das cultura, nomeadamente as minoritarias “máis acosadas por perigos que afectan á súa continuidade e pervivencia”, representa “unha oportunidade para manter a diversidade cultural do planeta, ofrecendo á nosa lingua e cultura a posibilidade de establecer procesos de retroalimentación con outros códigos lingüísticos e culturais”.

Baixo a coordinación xeral da USC, integran este proxecto a Universidade de Lodz (Polonia), Studii Romani (Bulgaría), o Vigdís Finnbogadóttir Institute da Universidade de Islandia, a Associação Cultural e Pedagógica ‘Ponte... nas ondas’ de Portugal e CHE Consult de Alemaña.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2016.