'Músicas e espazos' conxúganse no campus de Lugo
O compositor e especialista en paisaxe sonoro, José Luis Carles, e a arquitecta Cristina Palmese, impartirán o monográfico ‘Músicas e espazos’ que se desenvolverá os días 15, 16, 22 e 23 de xaneiro no salón de actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo, en horario de 9:00 a 14:00 horas os venres e de 16:00 a 21:00 horas os sábados.
O curso comezará este venres 15 e sábado 16 co módulo ‘Constrúe unha paisaxe sonora con sons cotiás’ da man de José Luis Carles, que ensinará aos participantes a escoitar os sons da paisaxe, a desenvolver a creatividade musical e a fomentar o respecto e o interese polo noso patrimonio sonoro.
Os días 22 e 23, Cristina Palmese impartirá o segundo módulo, ‘Espazos para a música. A confluencia entre dúas disciplinas. Música e arquitectura’. Con este curso trátase de explorar e valorar as múltiples interaccións artísticas, sensoriais, sociais ou culturais entre a música e a arquitectura de xeito amplo coas súas aplicacións teóricas, creativas, científicas e pedagóxicas.
O monográfico ‘Músicas e espazos’ inclúe tamén a celebración dun concerto multimedia a cargo de Carles e Palmese, que presentarán as súas obras. Será o vindeiro 22 de xaneiro ás 20:00 horas no Salón Rexio do Círculo das Artes e con entrada de balde.