Os músicos de Grex presentan o seu novo traballo na Facultade de Maxisterio de Lugo
O grupo lugués Grex presenta o seu novo traballo Itoppa, este xoves 27 de novembro ás 21:00 horas na Escola Universitaria de Formación de Profesorado, dentro do ciclo Lubicán de Lugo Cultural que organiza a Vicerreitoría de Cultura do campus lugués.
A banda mestura teatro e música, ficción e realidade na súa posta en escena. Creada en conxunto por músicos, actores e conselleiros artísticos de Grex, neste último traballo, Itoppa, o grupo introduce ao espectador o mundo da investigación das terapias de grupo como parte integrante do espectáculo.
Grex segue a súa liña de traballos anteriores, fusionando a súa música con outras artes como a fotografía. Agora, o grupo está inmerso “na invención da musicoterapia imposible para trastornos mentais”, incluíndo a teatralización da música para darlle un sentido á interpretación das cancións.