Ir o contido principal

Nace a Cátedra de Investigación Renal

O reitor Antonio López e a presidenta da Fundación Renal, Isabel Entero, acompañada pola súa directora xeral, Blanca Miranda, asinaron este luns, no Colexio san Xerome, o convenio. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López e a presidenta da Fundación Renal, Isabel Entero, acompañada pola súa directora xeral, Blanca Miranda, asinaron este luns, no Colexio san Xerome, o convenio. FOTO: Santi Alvite
USC e Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo asinan un convenio que impulsará a investigación neste eido así como novos espazos de debate, a formación de persoal investigador e a inserción profesional do estudantado
Santiago de Compostela

O reitor Antonio López e a presidenta da Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo (FRIAT), Isabel Entero, acompañada pola súa directora xeral, Blanca Miranda, asinaron este luns, no Colexio san Xerome, o convenio de creación da Cátedra de Investigación Renal, orientada á promoción de actividades académicas e de investigación no ámbito da Insuficiencia Renal Crónica. A nova cátedra ten como obxectivos principais o fomento da investigación, así como a súa difusión, a organización de cursos, seminarios e actividades académicas de reflexión e debate, a formación de persoal investigador e a inserción profesional do estudantado da USC.

Asemade, a cátedra impulsará iniciativas de I+D+i que se materialicen en estudos sobre mecanismos de progresión da insuficiencia renal, tecnoloxía de información aplicada aos procesos de tratamento da enfermidade, valoración e coidado dos aspectos psicolóxicos e psicosociais dos pacientes, e economía da saúde no campo da Insuficiencia Renal Crónica.    

A enfermidade renal en Galicia

A Enfermidade Renal Crónica (ERC) é unha doenza que nalgún grao afecta a máis do 10% da poboación mundial. Segundo datos da Sociedade Galega de Nefroloxía, en Galicia en 2018 había 3.785 pacientes con enfermidade renal no último estadio, é dicir, cuxos riles xa non funcionan e necesitan tratamento renal substitutivo. Deles, 1.599 reciben tratamento de  hemodiálise (42,3%); 287, diálise  peritoneal (7,6%); e 1.891 están  transplantados (50,1%). Por sexos a ERC terminal afecta en Galicia a un 64% de homes e a un 36% de mulleres. En 2018 leváronse a cabo en Galicia 170 transplantes de ril.

Para a posta en marcha e promoción das actividades da Cátedra, a FRIAT asignará á Cátedra durante os tres primeiros años un orzamento de ata 75.000 euros. No acto de sinatura a presidenta da Fundación Renal, Isabel Entero, destacou que “a nova cátedra supón un paso máis na aposta da Fundación Renal pola investigación  nefrológica, que foi unha prioridade para nós desde hai máis de 30 anos e na que levamos investidos máis de 21 millóns de euros”. Entero detallou esta aposta explicando que a cátedra é o resultado dos 25 anos de traballo do Instituto Reina Sofía de Investigación  Nefrológica, así como doutros proxectos. A Fundación Renal dedicou os seus 38 anos de historia a ofrecer atención integral aos enfermos renais, co obxectivo de que a súa vida como pacientes crónicos estea o máis normalizada posible e conta con cinco centros en Galicia. 
 

Tras o acto de sinatura, os membros da FRIAT puidron visitar o Colexio de Fonseca acompañados polo reitor, pola secretaria xeral e polo vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica. FOTO: Santi Alvite
Tras o acto de sinatura, os membros da FRIAT puidron visitar o Colexio de Fonseca acompañados polo reitor, pola secretaria xeral e polo vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2020.