Ir o contido principal

Nace o Certame de Música Galega na USC

De dereita a esquerda, María do Cebreiro, Mª José López, Marta Pérez e Isabel Vaquero (Foto: SERVIMAV-USC)
De dereita a esquerda, María do Cebreiro, Mª José López, Marta Pérez e Isabel Vaquero (Foto: SERVIMAV-USC)
Alentar o talento mozo e e dinamizar a diversificación de usos sociais da lingua galega, entre os obxectivos da iniciativa

Co obxecto de promover a creatividade musical e dinamizar a diversificación de usos sociais da lingua galega entre a mocidade universitaria, a USC convoca o seu I Certame de Música Galega.

Organizada pola Facultade de Filoloxía en colaboración con Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Enfermería, Xeografía e Historia e Ciencias Económicas e Empresariais e o apoio do Servizo de Normalización Lingüística, esta acción artística e formativa articúlase en tres fases: un concurso, un festival e un obradoiro.

O certame premiará cancións compostas por formacións ou solistas de todos os xéneros musicais e estará dirixido a alumnado da USC con inquedanzas musicais e literarias. Os gañadores recibirán cadanseu diploma e premios de 1.000 (1º premio), 700 (2º) e 300 euros (3º premio). O prazo para presentar propostas, de calquera xénero musical pero sempre en lingua galega, está aberto ata o 22 de setembro.

Festival
As pezas musicais dos grupos finalistas do certame poderán escoitarse o 30 de outubro no teatro Principal de Santiago nun festival no que tocarán acompañados doutros grupos de traxectoria recoñecida na escena musical galega. O evento, no que se coñecerán os gañadores, conta coa colaboración do Concello de Santiago.

A iniciativa complétase cun obradoiro de Música Galega no que os grupos que actuaron como cabezas de cartel no festival asumirán a función de mentores, transmitindo a súa experiencia como músicos, letristas e compositores e orientando os integrantes das formacións nos inicios da súa carreira musical.

Aínda que o traballo de titorización se dirixirá de modo preferente aos premiados, está prevista a apertura desta xuntanza de traballo a todos os participantes no certame e ao estudantado da USC con inquedanzas musicais. O encontro terá lugar a comezos do mes de novembro en Ciencias da Comunicación, que conta con instalacións que permiten a gravación e reprodución musical.

Os detalles do certame explicáronos este mércores en rolda de prensa a decana de Filoloxía, Mª José López Couso; a presidenta da CNL desa facultade, María do Cebreiro Rábade Villar; Marta Pérez Pereiro, da CNL de Ciencias da Comunicación; e Isabel Vaquero Quintela, do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Cartaz do certame

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.05.2017.