Nace Limiar, unha nova colección dixital en acceso aberto do Instituto da Lingua Galega
A nova colección Limiar, do Instituto da Lingua Galega da USC, acaba de estrearse no Portal Dixital de Libros da USC Lib{USC} co volume Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá , de Carolina Pérez Capelo e editado polo Servizo de Publicacións compostelán. Limiar preséntase como unha canle para a publicación en soporte dixital e acceso aberto de monografías orixinais centradas nalgún aspecto relacionado de maneira directa coa lingüística e a filoloxía galegas. A colección, dirixida por Ernesto González Seoane e que conta cun comité editorial internacional, ofrécese de maneira preferente a investigadores novos, co fin de poderen canalizar publicacións derivadas dos seus traballos académicos de inicio á investigación. Todos os orixinais destinados á colección son sometidos a un proceso de avaliación previa por expertos.