Ir o contido principal

Nace a Plataforma de Emprego da USC para mellorar a empregabilidade de alumnado e egresados

A inscrición na plataforma debe realizarse a través das credenciais de estudante. FOTO: Santi Alvite
A inscrición na plataforma debe realizarse a través das credenciais de estudante. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa da Área de Orientación Laboral e Emprego permitirá poñer en contacto empresas e potenciais candidatos de xeito rápido e gratuíto
Lugo, Santiago de Compostela

A Plataforma de Emprego da USC é unha iniciativa gratuíta que vai permitir aos estudantes e egresados ter acceso dun xeito rápido e áxil a contidos, recursos e informacións relacionados coa mellora da súa empregabilidade e o seu acceso ao mundo laboral. Esta iniciativa en liña da Área de Orientación Laboral e Emprego constitúe un banco de ofertas de traballo e prácticas, actividades formativas, axenda de eventos, recursos de interese, perfís de empresas, boletíns, así como a posibilidade de solicitar citas de orientación coa propia Área para resolver dúbidas.

A inscrición na plataforma debe realizarse a través das credenciais de estudante, aínda que se trate de alumnado egresado. Neste senso, cada inscrito/a disporá dunha zona persoal dentro da Plataforma de Emprego e accederá a consellos, eventos ou un espazo específico para obter orientación laboral personalizada.

Empresas

Rexistrarse na Plataforma de Emprego da USC vai permitir ás empresas publicar e difundir as súas ofertas de traballo dun xeito rápido e gratuíto, facer seguimento das mesmas e ver os candidatos que se postulan, favorecendo así a súa visibilidade entre os usuarios/as da plataforma. Unha vez rexistradas, as empresas poden publicar novas ofertas de traballo facilmente accedendo co seu correo e contrasinal.

Na plataforma, os profesionais explican en formato audiovisual en que consiste o seu traballo e cales son os seus retos. Isto permitirá que as persoas usuarias podan afondar nos perfís das empresa que son do seu interese.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2020.