Ir o contido principal

Nace o Premio de Curtametraxes Cátedra Iberoamericana dirixido a alumnado de grao e mestrado

Detalle do cartel
Detalle do cartel
Coa fin de promover o coñecemento da historia e significación do Hospital Hijas de Galicia (Habana)

A Cátedra Iberoamericana da USC lanza o I Premio de Curtametraxes coa fin de promover a visibilidade e o coñecemento da historia e significación do Hospital Hijas de Galicia (Habana), fundado en 1924 pola Asociación Hijas de Galicia, Sociedad Sanitaria y de Auxilio Mutuo para dar cobertura sanitaria ás mulleres galegas emigradas a Cuba en situación de precariedade. O concurso pretende ademais fomentar o talento do estudantado na creación de obras audiovisuais.

Dotado cun premio económico de 300 euros, ao certame pode presentarse calquera estudante de grao ou mestrado da USC en grupos de ata 8 persoas e o prazo para o envío das propostas está aberto ata o 21 de marzo de 2025.

A curtametraxe versará necesariamente sobre algún aspecto da historia do Hospital Hijas de Galicia. Poderá ser desde unha óptica documental ou ficcional, aínda que neste segundo caso inspirado a partir dalgún dato histórico real do hospital ou das súas usuarias en relación con el. A obra deberá ser orixinal e inédita, e non poderá contar cun equipo profesional remunerado nin na súa totalidade nin en parte. Deberá ter título e créditos, e a súa duración será de entre 5 e 15 minutos en total (créditos incluídos).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2024.