Ir o contido principal

Nace a primeira Cátedra de IA en Medicina Personalizada de Precisión que optimizará a toma de decisións clínicas

O acto de presentación desenvolveuse no Paraninfo da USC. FOTO: Santi Alvite
O acto de presentación desenvolveuse no Paraninfo da USC. FOTO: Santi Alvite
USC e Plexus Tech, co respaldo da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, promoven esta iniciativa única en España na personalización dos procesos asistenciais

A Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión (CAME&IA), a única que en España se dedica ata o momento á IA aplicada á medicina personalizada, presentouse este mércores 29 no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de xerar, nos vindeiros catro anos, novo coñecemento a través do uso de tecnoloxías intelixentes e a explotación avanzada de datos médicos para mellorar a toma de decisións clínicas. USC e a empresa tecnolóxica Plexus Tech camiñan da man na creación de CAME&IA, liderada polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) para “situar Galicia e España á vangarda da aplicación da Intelixencia Artificial no ámbito sanitario”, destacou no acto o reitor da USC.

Antonio López Díaz puxo en valor a colaboración público-privada, así como a conexión que no seo da Universidade se tece entre a investigación científica, moi especialmente a que se está a facer no ámbito da Intelixencia Artificial, sumándolle as potencialidades da investigación biosanitaria. “A aplicación da IA ao eido da medicina permítenos xestionar unha inmensidade de datos sobre cada persoa para afinar os diagnósticos, os tratamentos e mellorar, en definitiva, a calidade de vida das persoas, algo que sería inimaxinable a través das vías tradicionais. Ese manexo de datos só é posible aplicando ferramentas de Intelixencia Artificial”, destacou o reitor.

A cátedra, financiada con 1,2 millóns de euros, conta co respaldo do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, cunha achega próxima aos 900.000 euros. Está creada no contexto da candidatura da USC ás axudas para a creación das Cátedras ENIA, convocadas pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, no marco da Axenda España Dixital 2025, e do Compoñente 16 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Tal e como destacou durante a sesión, a secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González Veracruz, esta cátedra reflicte “o papel fundamental que desempeña a investigación para construír un país mellor, que abrace a tecnoloxía cunha mirada humanista, centrada nas persoas e na defensa dos seus dereitos”. Ademais, defendeu o compromiso firme do Goberno de España coa universidade pública, a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico "como piares dun país máis xusto, innovador e preparado para liderar o futuro dixital".

"A cátedra naceu coa convicción de que só desde unha perspectiva integradora e multidisciplinar se pode construír unha contorna de investigación que transforme o coñecemento en melloras tanxibles para a práctica clínica", afirmou Senén Barro, director científico do CiTIUS e responsable da cátedra. "Entendemos a tecnoloxía como unha gran ferramenta para mellorar o mundo, e a medicina é un campo onde os avances tecnolóxicos teñen un impacto directo na calidade de vida das persoas", subliñou, pola súa parte, José Manuel Viña Bravo, director xeral de Plexus Tech. O acto contou ademais co relatorio do catedrático da USC, Ángel Carracedo.

Tempo récord 

A aplicación da IA á medicina personalizada xa é unha realidade. A capacidade de analizar grandes volumes de datos en tempo récord permite diagnósticos máis rápidos e precisos, favorece a medicina preditiva e optimiza os tratamentos para cada paciente. Así, entre as liñas de investigación de CAME&IA destacan a aprendizaxe automática e modelos preditivos para a personalización de tratamentos, o procesamento de imaxes médicas e análises de sinais biomédicos, ou a integración de datos multimodais para mellorar diagnósticos e tratamentos.

O proxecto conta cun comité de garantes formado por referentes en investigación biosanitaria e tecnoloxía procedentes non só do CiTIUS —centro singular da USC que as persoas participantes na presentación visitaron ao finalizar o acto—, senón tamén do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA), Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Ademais, colaborará co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e con diversos axentes públicos e privados do sector da saúde.

Alén da súa actividade investigadora, a cátedra desenvolverá unha ampla programación formativa, con especial énfase nos aspectos éticos e legais do uso da IA en medicina. A transferencia de coñecemento á sociedade e a colaboración con centros estatais e internacionais serán aspectos clave na súa folla de ruta. Esta cátedra universidade-empresa representa unha aposta a longo prazo para a integración do coñecemento dos profesionais das TIC, a investigación en saúde e a medicina asistencial.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2025.