Ir o contido principal

Nace e-SoundWay, unha ferramenta educativa innovadora para a aprendizaxe da pronuncia do inglés a través da Ruta Xacobea

Imaxe de arquivo de peregrinos na Praza do Obradoiro. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo de peregrinos na Praza do Obradoiro. FOTO: Santi Alvite
Os detalles da iniciativa na que participa a profesora da USC María de los Ángeles Gómez González daranse a coñecer no acto de presentación que Filoloxía acollerá o 31 de outubro, ás 12.00 horas
Santiago de Compostela

Os sons do inglés no Camiño de Santiago (e-SoundWay). Un xogo serio para aprender a pronunciación inglesa. Manual de uso é unha proposta innovadora para a ensinanza e aprendizaxe da fonética e da pronunciación do inglés a través da experiencia do Camiño de Santiago. Esta ferramenta educativa que se presenta o 31 de outubro, ás 12.00 horas, na Sala Académica da Facultade de Filoloxía da USC, permite profundar, ao longo de 34 etapas con retos e pequenos xogos, en lugares, datos históricos, lendas do Camiño, ou peregrinos e peregrinas de distintas épocas que contribúen a que a persoa usuaria se familiarice con diversos acentos do inglés. Inclúe un manual trilingüe, un laboratorio multimedia en liña e un código QR con acceso a dúas versións do xogo: The Route e FreeRoaming.

O proxecto no que participa a profesora da USC María de los Ángeles Gómez González nace arredor da Ruta Xacobea, concibido “como un espazo simbólico e cultural que combina tradición e innovación”. Neste marco, e-SoundWay procura poñer en valor o patrimonio inmaterial do Camiño, achegando o ensino da pronunciación do inglés a través de escenarios inspirados no Camiño Francés. Esta iniciativa diríxese principalmente a estudantes españois de inglés como lingua estranxeira, desde o ensino secundario ata o universitario, “pero resulta igualmente útil para calquera persoa interesada en mellorar a súa pronunciación de maneira lúdica e interactiva”, explica a profesora Gómez González.

Dimensión cultural 

Ademais do acompañamento de Patience, a guía do Camiño, a aplicación incorpora a participación de peregrinos e especialistas contemporáneos de prestixio —como Antón Pombo, Laurie Dennett, Kate Long, Rebekah Scott ou Noel Braun— xunto coa inclusión de figuras históricas e lendarias vencelladas á tradición xacobea, entre elas John Rutherford, George Borrow, Annette Meaking, Margery Kempe, Andrew Boorde, James Francis Edward Stewart, San Godric de Finchale, Walter Starkie ou o anónimo de Purchas, cuxas voces e textos cobran vida na experiencia. Esta combinación permite que as persoas xogadoras, ademais de perfeccionar a súa pronunciación e ampliar o seu coñecemento da fonética inglesa, se mergulle tamén na dimensión cultural do Camiño: descobre lendas, accede a datos históricos e percorre enclaves xeográficos significativos da Ruta Xacobea, todo iso da man dos avatares e acompañado de imaxes orixinais tomadas nos lugares reais. Estes e outros aspectos desenvólvense con detalle no manual de e-SoundWay.

Ademais de propor retos de percepción e comprensión de sons —tanto de forma illada como en palabras clave e en secuencias faladas—, así como actividades de pronunciación, transcrición e escritura, a ferramenta incorpora as principais variedades do inglés internacional (británica, americana e certas particularidades doutras variantes). Deste xeito, e-SoundWay ofrece modelos de pronunciación diversos e realistas, o que contribúe a ampliar a competencia intercultural e a mellorar a intelixibilidade en contextos globais.

Esta iniciativa é froito de dous proxectos de investigación —TED2021-130283B-C21/C22 (Next Generation) e PID2019-105678RB-C21 (Fondos FEDER)— financiados pola Agencia Estatal de Investigación, e desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, en colaboración con institucións e entidades como University College London (Speech, Hearing & Phonetic Sciences), Luar Na Lubre, Resonet, ARASAAC (Centro Aragonés para la Comunicación Aumentativa y Alternativa) ou Fresh Caricatures, entre outras. Esta rede de colaboracións garante tanto o rigor académico coma o seu carácter innovador, avalados, ademais, polo Premio de Innovación Docente 2025 concedido pola Facultade de Filoloxía da USC e pola excelente acollida do estudantado. “Estamos convencidos de que a combinación de investigación, tradición cultural e recursos dixitais converte a e-SoundWay nunha proposta única no ámbito do ensino do inglés”, explican dende o equipo impulsor da iniciativa integrado, a demais de pola profesora María de los Ángeles Gómez González, por Alfonso Lago Ferreiro da UVigo, Milagros Torrado Cespón da UNIR e José María Díaz Lage da UNED. A obra contou co apoio técnico de Ánxel Fragueiro Agrelo, entre outras colaboracións. 
 

Portada e contraportada
Portada e contraportada
Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.10.2025.