Ir o contido principal

Nacen as Residencias ArtLab IGFAE para tecer fíos entre a física e a creación contemporánea galega

De esquerda a dereita, carlos Salgado, Pilar Murias e Anxo Lorenzo. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, carlos Salgado, Pilar Murias e Anxo Lorenzo. Foto: Santi Alvite
USC e Xunta lanzan esta convocatoria que seleccionará un artista ou colectivo que se integrará na vida cotiá do Instituto e na Cidade da Cultura para desenvolver a súa proposta
Santiago de Compostela

A USC e a Xunta de Galicia impulsan as Residencias ArtLab IGFAE, unha proposta para promover proxectos artísticos vinculados coa investigación científica. O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro de investigación mixto da USC e a Xunta de Galicia, e a Cidade da Cultura serán os espazos onde se desenvolverán estas novas residencias, dirixidas a artistas e colectivos vencellados á arte contemporánea galega.

RESIDENCIAS ART—LAB IGFAE ofrécese como unha plataforma experimental para posibilitar que os e as artistas exploren o potencial e as implicacións da física traballando nos posibles nexos entre arte e ciencia. O obxectivo da residencia é desenvolver un proxecto artístico relacionado coa investigación realizada no IGFAE, permitindo así a exploración, por parte da institución, de formas alternativas de comunicación coa arte e a sociedade.

Os detalles desta iniciativa presentáronos este mércores na sede do IGFAE a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o director do Instituto convocante, Carlos Salgado; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Tal e como afirmou a vicerreitora, "imos asistir a un proceso de creación artística desde a perspectiva científica", nunha liña “que agardamos que se consolide”. “Esta é a liña na que ten que traballar a Universidade, abríndose á sociedade, e para isto a arte é un medio fundamental", dixo. No mesmo senso se manifestou Carlos Salgado que explicou que este proxecto é algo “que tiñamos na cabeza desde hai anos, no marco dos IGFAE Labs, para abrir novas vías de comunicación na sociedade". "Queremos que estas residencias xeren novas preguntas, que ás veces non nos facemos desde a física, e que tamén enriqueza a vida interna do IGFAE e nazan novas dinámicas", afirmou.

Pola súa banda, Anxo M. Lorenzo fixo fincapé en que esta convocatoria “abre novas posibilidades para conectar ás creadoras e creadores do país co traballo punteiro que se está a desenvolver desde Galicia no campo da física”.

Aberto a todas as disciplinas artísticas

A iniciativa, cuxo prazo de solicitudes está aberto ata o 20 de outubro, está aberta a persoas ou colectivos que desenvolvan o seu traballo en todo tipo de disciplinas artísticas (artes plásticas, fotografía, artes de acción, arte sonora, artes dixitais ou arte participativa, entre outras). As propostas deberán procurar novas perspectivas nos campos da arte, da ciencia, da tecnoloxía e da sociedade, ben a través dunha obra totalmente nova ou da ampliación dun proxecto en curso. A obra resultante darase a coñecer ao público nunha exposición na Cidade da Cultura no último trimestre de 2026.

Co fin de tecer fíos entre as prácticas artísticas e científicas, as Residencias ArtLab IGFAE ofrecerán ao proxecto elixido a posibilidade de traballar durante varias semanas no centro, que acaba de inaugurar a súa nova sede no edificio do Monte da Condesa.

Para familiarizarse coas diversas áreas da física nas que traballa o Instituto, habilitarase un espazo de traballo no propio IGFAE, achegándose así ás investigacións e proxectos do Instituto, os seus obxectivos, os métodos científicos empregados e os enfoques experimentais desenvolvidos.  

Durante a estadía, a proposta seleccionada recibirá tamén titorización científica e artística, mediante colaboracións co persoal do IGFAE e profesionais con experiencia no comisariado e xestión de proxectos artísticos. A residencia tamén se realizará nos espazos REGA da Cidade da Cultura, onde poderá tirar proveito dun espazo de traballo propio e dos equipamentos, recursos técnicos e humanos da Cidade da Cultura.

IGFAE ArtLab

Logo de que o IGFAE acadase por primeira vez a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, en 2017, puxéronse en marcha os IGFAE Labs, espazos destinados a dirixir o labor do centro cara as premisas dunha investigación e unha innovación máis responsables (RRI, Responsible Research & Innovation).

Naceron así tres liñas de actuación, no ámbito da educación (EduLab), a transferencia de tecnoloxía (TechLab) e as artes (ArtLab). Este último é un lugar de diálogo entre arte e ciencia, no que o persoal investigador do IGFAE establece vínculos con colaboradores externos, propoñendo e desenvolvendo novas ideas e tendendo pontes entre a física e distintas expresións artísticas. Deste xeito, o ArtLab persegue impulsar a reflexión, o uso da imaxinación e o pensamento creativo.

Nos últimos anos, xurdiron ao seu abeiro proxectos como Cosmoloxías (con Irene Dubrovsky, Pazo de Fonseca, 2019) ou Instrumentos de visión (con Armin Linke, Mónica Bello, Arts at CERN, Igrexa da Universidade, 2024) ou ciclos como Transfronteirizas (en marcha desde 2020).
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.07.2025.