Ir o contido principal

Neofalantes.gal seguirá poñendo en valor o galego como vehículo de uso económico entre as persoas que se achegan á lingua

Estudantes no Campus Sur da USC. FOTO: Santi Alvite
Estudantes no Campus Sur da USC. FOTO: Santi Alvite
O reitor da USC e o conselleiro de Cultura presentaron en San Xerome o convenio de colaboración que permitirá continuar expandindo este proxecto e ampliando a web

A plataforma Neofalantes.gal continuará entre 2024 e 2026 o programa de actuacións para poñer en valor a lingua galega entre as persoas que comezan a falala a través deste proxecto do grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación. Así o indicou na presentación este mércores 31 de xullo, do convenio que o fará posible, o reitor da USC, Antonio López, xunto co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude José López Campos, nun acto ao que asistiron tamén o profesor do grupo Novos Medios Xurxo Salgado e o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

Este convenio permitirá seguir actualizando a web social centrada nos neofalantes para facer do idioma un vehículo de uso económico co mundo lusófono e abrir novos campos para a investigación, o ámbito multimedia e a didáctica sobre o neofalantismo. Nela amósanse as traxectorias vitais, as expectativas e as demandas individuais e sociais das persoas neofalantes, e tamén serve para animar novas persoas que comezaron a falar en galego acotío.

O reitor salientou que Neofalantes.gal serve como plataforma “para persoas que empregan outra lingua e que empezan a usar o galego para integrarse máis na nosa cultura”. Pola súa banda, o conselleiro subliñou que as persoas neofalantes poden ser “prescritoras para que a xente poida achegarse á lingua galega”, e nese sentido a web é “unha ventá aberta para achegarse e coñecer mellor a nosa lingua”.

O fomento desta canle baséase na importancia actual da comunicación e das redes sociais como Instagram, Facebook ou Whatsapp á hora de interactuar na sociedade, pois facilitan o contacto entre neofalantes de todo o mundo e axudan a fomentar o uso da lingua galega e a xerar negocio arredor desta.

Na actualidade, o portal conta con varias seccións sobre o mundo neofalante, sobre actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión, así como as dedicadas a grupos e persoas inscritas.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.07.2024.