NetBeans, obxectivo do 'ETSE Open de SL'
A contorno de desenvolvemento e programación NetBeans vai ser o obxectivo principal da tarefa colaborativa de localización ao galego que se realice no primeiro ‘ETSE Open de SL’, unha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría que permitirá aprender e traballar a prol da galeguización de aplicacións informáticas de software libre que se utilizan na escola.
Netbeans conta cunhas 20.000 cadeas para traducir, que permiten desenvolver e programar outras aplicacións, sendo unha das máis utilizadas en software libre para este fin. A versión localizada, que será a primeira deste tipo traducida ao galego, terá efecto multiplicador xa que as aplicacións que se programen co NetBeans en galego nacerán tamén neste idioma por defecto.
Co ‘ETSE Open’, cuxo prazo de matrícula remata o 28 de abril, trátase de impulsar a formación dunha comunidade universitaria que poida, en primeira instancia, traducir ao galego software de uso docente, mais tamén participar noutros eventos de localización na USC. Por outra banda, búscase contar con software en galego que facilite a incorporación e o uso pleno desta lingua na docencia.
Esta iniciativa conta con dúas actividades interrelacionadas, unha primeira formativa sobre as bases técnicas e prácticas para abordar proxectos de tradución e unha segunda acción práctica en que se levará a cabo a tradución ao galego dunha escolma de aplicacións libres feita pola ETSE de entre as utilizadas na docencia.
Ampliación de prazasDado o interese suscitado por este curso entre membros da USC dos máis variados perfís (estudantes de Enxeñaría Informática de Sistemas, PAS, investigadores, estudantes de Filoloxía, ADE, Dereito...) as 40 prazas ofertadas pola ETSE para o Fiadeiro de localización de Software Libre ampliaranse ata 50.