Ir o contido principal

O Nobel de Física en 2003, Anthony James Leggett, abre esta semana a oitava edición do Programa ConCiencia

A conferencia pública do profesor da Universidade de Illinois será o 7 de marzo baixo o título ‘Por qué non pode ir o tempo cara a atrás?’

O Nobel de Física en 2003, Anthony James Leggett, visita Compostela para participar no Programa ConCiencia que chega á súa oitava edición convertido na acción de divulgación científica de máis impacto de Galicia. Organizado pola USC e o Consorcio de Santiago, conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Economía e Competitividade. O programa de Leggett, apadriñado na USC polo profesor Manuel Vázquez Ramallo, dará comezo este mércores 6 ás 11.00 horas cun encontro cos medios de comunicación na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca no que estará acompañado do coordinador de ConCiencia, o profesor Jorge Mira. Xa o xoves 7 reunirase ás 10.00 co reitor no seu despacho e manterá, ás 12.00 horas na Aula Magna da Facultade de Física, unha reunión científica co persoal investigador da USC na que lles presentará as súas últimas reflexións acerca de certos fenómenos cuánticos. O acto central será o propio xoves coa conferencia pública titulada ‘Por qué non pode ir o tempo cara a atrás?’, que terá lugar ás 20.00 horas no Auditorio Novagalicia Banco (Rúa Preguntoiro, 23, Santiago).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2013.