Ir o contido principal

O Nobel de Medicina en 2008, Harald zur Hausen, visita a USC convidado polo programa ConCiencia

Haral zur Hausen falará na USC sobre a investigación do cancro
Haral zur Hausen falará na USC sobre a investigación do cancro
Foi o primeiro científico que descubriu que pode haber cancros orixinados por infeccións víricas e o seu achado propiciou a vacina do papiloma humano

Harald zur Hausen (1936, Alemaña), Nobel de Medicina ou Fisioloxía en 2008, visita esta semana a Universidade de Santiago convidado polo programa ConCiencia, iniciativa de divulgación científica dirixida polo profesor Jorge Mira e patrocinada polo Consorcio de Santiago. O científico do German Cancer Research Centre da Universidade de Heidelberg en Alemaña recibiu o Premio Nobel polas súas investigacións sobre o cancro de colo de útero, o segundo máis frecuente en mulleres, demostrando que en practicamente todos os casos o cancro fora infectado polo papilomavirus humano. Como en anteriores edicións do programa, a visita do Nobel comeza cunha rolda de prensa a desenvolver o mércores 21 ás 11.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Ese mesmo día ás 19.00 horas, zur Hausen dará a conferencia dirixida ao público en xeral baixo o título ‘A busca de cancros vinculados a infeccións’ no auditorio de Novagalicia Banco (Preguntoiro, 23). No seu paso pola USC, o científico reunirase co persoal investigador da universidade, será o xoves 22 ás 9.30 horas na Aula Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. I mportante descubrimento Harald zur Hausen recibiu o Premio Nobel de Medicina en 2008 polo seu descubrimento de que os virus do papiloma humano provocan cancro cervical, unha observación difícil de facer pola tecnoloxía do momento e por ir contra o consenso da época que consideraba que ningún tipo de cancro realmente importante era provocado por unha infección. As súas investigacións propiciaron o desenvolvemento da vacina contra o papiloma humano que previrán a aparición desta doenza en futuras xeracións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2014.