Ir o contido principal

O Nobel de Medicina Richard Roberts intervén este xoves en Conciencia cunha conferencia sobre bacterias

O Nobel, á dereita sentado, reuniuse no CEA con investigadores da USC
O Nobel, á dereita sentado, reuniuse no CEA con investigadores da USC

O Premio Nobel de Medicina en 1993, Richard Roberts, pronuncia este xoves 9, ás 20:00 horas na Aula Sociocultural Novacaixagalicia (Carreira do Conde, 18), a conferencia 'Por que me gustan as bacterias?', aberta ao público en xeral. O científico británico inaugura así a sexta edición do Programa ConCiencia de divulgación científica. Á conferencia asisten o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, o reitor Juan casares, o catedrático de Medicina Legal da USDC, Ángel Carracedo, e o director de ConCiencia, Jorge Mira. Richard Roberts (1943, Derby, Inglaterra) estudou Química en Inglaterra, pero foi en Estados Unidos onde desenvolveu a súa actividade docente e investigadora, concretamente en Harvard e no Cold Spring Harbor Laboratory de Nueva York. Desde 1992 dirixe os traballos de investigación do Biolabs Institute, de Beverly, (Massachusetts). Recibiu o Premio Nobel en 1993 xunto con Phillip A. Sharp polo seu descubrimento dos intróns, fragmentos de ADN que están presentes nos xenes pero que non codifican información. O científico descubriu tamén que os xenes poden ser descontinuos, é dicir, que poden estar presentes no ADN en diferentes segmentos ben separados. Ao principio o achado fíxose nun virus típico causante de catarros, o chamado adenovirus, pero pronto viuse que estes intróns son frecuentes en organismos superiores, como o ser humano. O Premio Nobel mantivo esta mañá unha xuntanza con investigadores galegos no Centro de Estudos Avanzados. A maior parte dos asistentes pertencían ao grupo de Medicina Xenómica do profesor Carracedo, quen nun encontro cos medios de comunicación afirmou que o descubrimento de Roberts, os intróns, “é dos máis importantes da historia da bioloxía e da medicina”. Limitar os antibióticos Nesa comparecencia diante dos medios, recoñecendo a dificultade por dar coa orixe de bacterias como a E. Colli que está azoutando Alemaña, o Premio Nobel de Medicina Richard Roberts suxeriulle aos granxeiros que limiten o uso de antiobióticos nos seus procedementos. “Empregan pequenas cantidades para mellorar a produtividade dos seus animais, pero así o que conseguen é unha maior resistencia a eses medicamentos”, explicou. Dese xeito, proseguiu, os fragmentos de ADN que levan esa información resistente “se espallan por todas partes e de aí a complicación por dar coa solución”. O científico británico apuntou que a loita contra as pandemias só se poderá combater se os países comparten información e deixan de ocultala por medo a ser identificados como a orixe do problema. “Xa é raro que non teñamos máis problemas, as cousas non se están facendo como debería”, afirmou en relación ao incumprimento de determinadas normativas por parte do sector agrario. Industria farmacéutica Fóra da súa carreira científica, Roberts é coñecido pola denuncia que fai das farmacéuticas a quen acusa de ralentizar e mesmo frear o desenvolvemento de fármacos. “É un negocio ao que non lle interesa os medicamentos que curen senón os que converten en crónica unha enfermidade”, dixo en Santiago. E sentenciou: “o peor que lles pode pasar é que apareza unha cura para unha enfermidade que eles tratan”. A este respecto lembrou que os novos antibióticos están saíndo ao mercado das pequenas compañías biotecnolóxicas, non das grandes corporacións, “pero desgraciadamente a súa taxa de produción é baixa”. Proporcionar incentivos a esas pequenas industrias podería ser una solución, pero tamén facer un uso eficiente dos antibióticos, especialmente no eido gandeiro, e rachar dalgunha maneira a tendencia que existe na sociedade, “europea, fundamentalmente”, reticente ao uso de organismos xeneticamente modificados. Richard Roberts diante da Reitoría compostelá Richard Roberts asinou no Libro de Honra da USC en presenza do reitor Juan Casares e do profesor Jorge Mira

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2011.