O Nobel de Química en 1996, Harold Walter Kroto, visita esta semana a USC
O Nobel de Química en 1996, o inglés Harold W. Kroto, achégase esta semana a Compostela para participar no Programa ConCiencia que, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago, desenvolve a súa quinta edición, , esta vez co apoio de Xacobeo 2010, convertido na acción de divulgación científica de máis impacto social de Galicia.
Harold Walter Kroto (Wisbech, Inglaterra, 1939) recibiu en 1996 o Premio Nobel de Química -compartido con Robert Curl Jr. e Richard Smalley- polo descubrimento dos fullerenos, unha forma de cristalización do carbono. O achado abriu un novo campo de investigación dadas as condicións de estabilidade e versatilidade desa nova estrutura, que fixo de ponte para descubrir outras baseadas en átomos de carbono como os nanotubos, que permiten a fabricación de materiais resistentes a altas temperaturas, e incluso como substitutivos do silicio nos chips.
O profesor Kroto, da Universidade Estatal de Florida (EE.UU.), ofrecerá este xoves 27, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18), a conferencia ‘Ciencia, sociedade e sustentabilidade’ que disporá de tradución simultánea e se poderá seguir por videoconferencia dende a Sala de Prensa da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.
Previamente, o mércores 26, Kroto manterá unha xuntanza, ás 12:30 horas no Centro de Estudos Avanzados, con persoal investigador galego.