Ir o contido principal

O Nobel de Química en 2010, Ei-ichi Negishi, primeiro convidado do Programa ConCiencia deste ano

Ei-ichi Negishi, nun instante das súas explicacións ante os medios de comunicación
Ei-ichi Negishi, nun instante das súas explicacións ante os medios de comunicación
Este xoves 26 pronuncia unha conferencia na Cidade da Cultura de Galicia e previamente se reúne no CIQUS con persoal investigador da USC

A resolución satisfactoria da ecuación que conforman CO2 e efecto invernadoiro está xeralmente condicionada pola redución do primeiro para diminuír a incidencia do segundo. Fronte esta tradicional formulación, o Nobel Ei-ichi Negishi aposta por reciclar o CO2, concretamente por reducir o nivel de oxidación do carbono. Esta é na súa opinión un dos principais retos ao que se enfronta a Química, segundo explicou nun encontro cos medios de comunicación este mércores 25 na Reitoría da USC. A súa proposta é unha sorte de fotosíntese de xeito catalizado, que ademais posúe a particularidade de ser algo alcanzable porque “os principios para aproveitar o CO2 son coñecidos”. Por contra, o seu inconveniente é económico, polo que o esforzo da ciencia neste eido debe centrarse en atopar formas máis baratas de facelo, e “a catálise é unha peza fundamental no proceso”. Nobel de Química en 2010, o xaponés afincado en Estados Unidos Ei-ichi Negishi, visita estes días Compostela para participar no Programa ConCiencia que, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago e nesta ocasión en colaboración coa Cidade da Cultura de Galicia, chega á súa sétima edición convertido na acción de divulgación científica de máis impacto social de Galicia. O padriño de Negishi nesta visita é o profesor da USC Ricardo Riguera. O acto central do seu programa en Compostela será este xoves 26 coa conferencia pública titulada ‘Catálise para un mundo próspero e sostible’, que terá lugar ás 20.00 horas na Cidade da Cultura. A Facultade de Química dispón para o seu alumnado un autobús que sairá ás 19.00 horas das inmediacións do propio centro (ao pé das escalinatas que baixan da Alameda cara Campus Vida, na confluencia da Avenida da Coruña coa de Compostela). Ademais, existe unha liña regular de autobuses ao Monte Gaiás. Ese mesmo día reunirase ás 11.00 horas co reitor Juan Casares no seu despacho e unha hora máis tarde no CIQUS manterá unha xuntanza científica de traballo con persoal da USC na que os investigadores Fermín Cambeiro, Julián Bergueiro, Jorge Otero, Alejandro Criado e Isaac Alonso terán a oportunidade de expoñerlle os seus estudos. Negishi Ei-ichi Negishi (Xapón, 1935), da Universidade estadounidense de Purdue, acadou en 2010 o Nobel de Química por conseguir acoplamentos cruzados catalizados por paladio en síntese orgánica, o que permitiu o establecemento dunha nova arquitectura molecular, máis complexa, que mellorou moitos aspectos da vida, dende a agricultura á medicina.

A maioría das moléculas que forman os sistemas vivos na Terra están compostas por cadeas de átomos de carbono dispostas en diferentes formas. Na busca de novos métodos para construír enlaces entre eses átomos Negishi, un dos químicos orgánicos máis extensivamente citados, descubriu novas reaccións usando paladio e outros metais como catalizadores (elementos que fan que unha reacción química sexa posible ou se realice máis rápido). Estas reaccións melloraron dun xeito asombroso tanto o potencial como a eficiencia da química orgánica sintética e contribuíron substancialmente a posibilitar a construción de moléculas máis complexas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.08.2021.