O Nobel de Química en 2010, Ei-ichi Negishi, primeiro convidado do Programa ConCiencia deste ano
O Nobel de Química en 2010, o xaponés afincado en Estados Unidos Ei-ichi Negishi, visita estes días Compostela para participar no Programa ConCiencia que, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago e nesta ocasión en colaboración coa Cidade da Cultura de Galicia, chega á súa sétima edición convertido na acción de divulgación científica de máis impacto social de Galicia. O padriño de Negishi nesta visita é o profesor da USC Ricardo Riguera. O programa de Negishi dará comezo este mércores 25 ás 10.45 horas cun encontro cos medios de comunicación na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Xa o xoves 26 se reunirá ás 11.00 co reitor no seu despacho e manterá, ás 12.00 horas no CIQUS, unha reunión científica co persoal investigador da USC. O acto central será o propio xoves coa súa conferencia pública titulada ‘Catálise para un mundo próspero e sostible’, que terá lugar ás 20.00 horas na Cidade da Cultura. Negishi Ei-ichi Negishi (Xapón, 1935), da Universidade estadounidense de Purdue, acadou en 2010 o Nobel de Química por conseguir acoplamentos cruzados catalizados por paladio en síntese orgánica, o que permitiu o establecemento dunha nova arquitectura molecular, máis complexa, que mellorou moitos aspectos da vida, dende a agricultura á medicina.