Ir o contido principal

O Nobel de Química 2021 David MacMillan reivindica unha inversión en ciencia maior e “máis diversa”

De esquerda a dereita, José Luis Mascareñas, David MacMillan e Jorge Mira. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, José Luis Mascareñas, David MacMillan e Jorge Mira. FOTO: Santi Alvite
O científico pronuncia este mércores en Compostela o relatorio ‘A química como pasaporte ao mundo: o camiño dende Bellshill, Escocia, ata as marabillas da invención e o descubrimento’ no marco do programa de divulgación científica ConCiencia
Santiago de Compostela

“Todos os países necesitan investir máis en ciencia e que esa inversión sexa diversa”. Así o afirmou o Premio Nobel de Qúmica 2021, David MacMillan, no encontro que mantivo este martes con medios de comunicación no Colexio San Xerome. Este científico da Universidade de Princeton, recoñecido polas súas achegas no eido da organocatálise asimétrica, visita Compostela ao longo desta semana no marco do programa de divulgación científica ConCiencia, promovido pola USC e o Consorcio de Santiago, e co gallo do décimo aniversario do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS).

MacMillan iniciou a súa intervención lembrando a súa primeira visita a Galicia no ano 2010. “Foi unha viaxe única e na que puiden comprobar que a xente ten aquí unha xenerosidade especial”, dixo. Ademais, a actual estadía de MacMillan en Galicia constitúe a primeira viaxe que realiza a España despois da concesión do Nobel, tal e como explicaron o director do programa ConCiencia Jorge Mira e o director científico do CiQUS, José Luis Mascareñas, que acompañaron a MacMillan na rolda de prensa. O científico realizou un percorrido pola súa traxectoria na que lembrou os seus inicios como investigador postdoutoral na Universidade de Harvard, lugar no que deu os seus primeiros pasos no estudo do que se daría en denominar como organocatálise asimétrica.

As moléculas son estruturas formadas pola agrupación de varios átomos. Na súa xénese son claves os chamados catalizadores, sustancias que controlan e aceleran as reaccións químicas. O corpo humano contén miles de catalizadores que regulan a formación das moléculas necesarias para a vida. “Se o corpo emprega enzimas por que non imos poder facer nós o mesmo”, preguntábase MacMillan nos seus inicios como científico. “En lugar de enzimas, queriamos chegar a pequenas moléculas orgánicas que se puidesen reciclar e que fosen compatibles coa ecoloxía”, explicou.

Durante moito tempo pensouse que só había dous tipos de catalizadores —as propias enzimas e certos metais—, ata que David MacMillan chegou á terceira vía da organocatálise asimétrica: moléculas baseadas en carbono (orgánicas), sen metais. En virtude deste descubrimento, determinadas sustancias químicas convértense en produtos moito mais valiosos, dunha forma medioambientalmente sustentable e económica, algo de enorme relevancia a nivel industrial, sobre todo no eido farmacéutico. “A industria farmacéutica tenta dar un salto sustentable”, explicou MacMillan na súa comparecencia ante os medios para despois destacar a importancia de “reducir os residuos ou a enerxía que se require” nos procesos neste sector.

A organocatálise asimétrica permite producir selectivamente unha soa versión da molécula desexada e non da súa imaxe especular, o que é vital para que poidan facer a súa función biolóxica ou tecnolóxica da forma axeitada e que “o proceso non sexa tan costoso”. MacMillan anunciou o seu descubrimento en 2000 nun traballo asinado xunto a Kateri  Ahrendt e Christopher  Borths.

Contorna internacional

O Premio Nobel de Química 2021 detívose a valorar como a guerra de Ucraína está a incidir no panorama científico internacional. “A situación actual é lamentable e coido que todos os meus colegas tanto en Ucraína, como en Rusia ou Bielorrusia están a pensar o mesmo”, dixo ante a pregunta de se se estaba a erguer un pano de aceiro científico.

A diferencia entre países con respecto ao número de premios Nobel foi outra das cuestións sobre as que reflexionou. “O comité Nobel ten unha memoria cun rango moi amplo”, dixo. “Non se preocupa polo que está de moda en cada momento, senón que posúe un ritmo estable”, explicou en relación á diferencia de premios Nobel entre países como Escocia e España. Neste senso, quixo subliñar a importancia da inversión en ciencia.

Actividades en Compostela

MacMillan mantivo unha xuntaza este martes 29 co reitor Antonio López e asinou no Libro de Honra da institución. MacMillan impartirá unha conferencia aberta ao conxunto da cidadanía este mércores 30 que se desenvolverá ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (rúa Preguntoiro, 23), baixo o título ‘A química como pasaporte ao mundo: o camiño dende Bellshill, Escocia, ata as marabillas da invención e o descubrimento’. A entrada para esta charla divulgativa é libre ata completar a capacidade do espazo. Ademais, durante a súa estadía en Santiago, David MacMillan pronunciará o xoves 31, ás 09.45 horas, un relatorio no Simposio 'Chemistry at the Frontier' do CiQUS, conferencia que tamén se enmarca no ciclo conmemorativo do Centenario de estudos en Química da USC.

Traxectoria

“Unha maneira enxeñosa de construír moléculas”, así definiu o portavoz da Real Academia de Ciencias Sueca a organocatálise asimétrica á hora de anunciar a concesión do Premio Nobel de Química 2021 a David MacMillan, galardoado por este achado conxuntamente con Benjamin List do Instituto Max Planck. MacMillan e List desenvolveron, de xeito independente, esta terceira vía para crear novos compostos químicos.

David W.C. MacMillan naceu en Bellshill (Escocia) en marzo de 1968, no seo dunha familia traballadora. Despois dunha educación secundaria da que ten manifestado sentirse moi orgulloso, cursou Química na Universidade de Glasgow. En 1991 mudouse aos Estados Unidos, para facer a tese de doutoramento na Universidade de California-Irvine, rematando en 1996. Despois dunha estadía postdoutoral de dous anos na Universidade de Harvard, comezou o seu traballo independente na Universidade de Berkeley, en California, en 1998. Alí foi onde o seu grupo fixo os primeiros experimentos que levaron no ano 2000 a unha publicación clave na revista Journal of the American Chemical Society, describindo os primeiros exemplos que permitiron conceptualizar o campo da organocatálise asimétrica sobre a que ao longo desta semana disertará na USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2022.