Ir o contido principal

O Nobel de Química 2021 David W.C. MacMillan visitará en marzo a USC

David W.C. MacMillan naceu en Bellshill (Escocia) en marzo de 1968. FOTO: Princeton University
David W.C. MacMillan naceu en Bellshill (Escocia) en marzo de 1968. FOTO: Princeton University
O científico intervirá nun abano de actividades no marco do décimo aniversario do CiQUS e do programa ConCiencia
Santiago de Compostela

O Premio Nobel de Química 2021 David W.C. MacMillan visitará Compostela a fins do mes de marzo no marco das actividades do décimo aniversario do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), así como do programa ConCiencia, unha iniciativa da USC e do Consorcio de Santiago. Dirixido polo catedrático Jorge Mira, ConCiencia quere servir de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica mundial —nomeadamente, premios Nobel— e o persoal investigador da USC. Así, na súa estadía en Santiago, David W.C. MacMillan pronunciará diferentes relatorios e intervirá no programa de actividades ‘100 anos de estudos en Química’.

A traxectoria científica de David MacMillan destaca polos seus achados no eido da organocatálise asimétrica, baseada en pequenas moléculas orgánicas. A capacidade para fabricar moléculas é fundamental no progreso da humanidade. Para iso son claves os chamados catalizadores, sustancias que controlan e aceleran as reaccións químicas, sen ser parte do produto final. Por exemplo, nos coches transforman as sustancias tóxicas do tubo de escape en moléculas inofensivas. O corpo humano tamén contén miles de catalizadores que regulan a formación das moléculas necesarias para a vida. Durante moito tempo pensouse que só había dous tipos de catalizadores, ata que David MacMillan e Benjamin List descubriron a terceira vía da organocatálise asimétrica, temática na que MacMillan afondará durante a súa estadía en Compostela. 

Grazas á organocatálise asimétrica convértense determinadas sustancias químicas en produtos moito máis valiosos, dunha forma medioambientalmente sostible e económica, algo de enorme relevancia a nivel industrial, sobre todo no eido farmacéutico. Ademais, os organocatalizadores que dirixen estas transformacións permiten obter só unha das dúas formas especulares nas que soen existir moitos produtos (formas especulares como son a man dereita e esquerda); o que é vital para que poidan facer a súa función biolóxica ou tecnolóxica da forma axeitada.

Currículo

David W.C. MacMillan naceu en Bellshill (Escocia) en marzo de 1968, no seo dunha familia traballadora. Despois dunha educación secundaria da que se sente moi orgulloso, cursou química na Universidade de Glasgow. En 1991 mudouse aos Estados Unidos, para facer a tese de doutoramento na Universidade de California-Irvine, rematando en 1996. Despois dunha estadía postdoutoral de dous anos na Universidade de Harvard, comezou o seu traballo independente na Universidade de Berkeley, en California, en 1998. Alí foi onde o seu grupo fixo os primeiros experimentos que levaron no ano 2000 a unha publicacióSan clave na revista Journal of the American Chemical Society, describindo os primeiros exemplos que permitiron conceptualizar o campo da organocatálise asimétrica, polo que recibiría o Premio Nobel en 2021 xunto co alemán Benjamin List, que no mesmo ano publicou outro artigo na mesma revista, cunha estratexia de organocatálise alternativa.

Pandemia

O programa ConCiencia viuse na obriga de interromper a súa actividade por mor da pandemia da COVID-19. Así, o último premio Nobel que visitou Compostela foi Tomas Lindahl en novembro de 2019. A situación de emerxencia sanitaria implicou a cancelación das visitas que xa estaban programadas naquela altura. Este foi o caso de Kip Thorne (Nobel de Física, 2017), Frances Arnold (Nobel de Química, 2018) e Fraser Stoddart (Nobel de Química, 2016).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.03.2022.