Ir o contido principal

O Nobel Samuel Ting pecha cunha conferencia as visitas da quinta edición do Programa Conciencia

O Nobel mantivo este xoves un encontro cos medios de comunicación no Colexio de Fonseca
O Nobel mantivo este xoves un encontro cos medios de comunicación no Colexio de Fonseca
Considerado un dos grandes iniciadores dos experimentos da física de partículas elementais, o Premio Nobel de Física en 1976 Samuel Ting participa este xoves 11 no Programa ConCiencia cunha conferencia, ás 20:00 horas

Considerado un dos grandes iniciadores dos experimentos da física de partículas elementais, o Premio Nobel de Física en 1976 Samuel Ting participa este xoves 11 no Programa ConCiencia cunha conferencia, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18), titulada ‘O AMS na Estación Espacial Internacional: un experimento para buscar o Universo de antimateria e as orixes da materia escura e radiación cósmica’. Previamente, o científico foi recibido en San Xerome polo reitor Juan Casares Long e mantivo na Facultade de Física un encontro con estudantes e investigadores. Revolucionario Samuel Chao Chung Ting viu premiado pola Academia sueca, xunto con Burton Richter, o seu traballo pioneiro no descubrimento dun novo tipo de partícula elemental pesada, a J/psi, o primeiro estado composto formado por quarks e antiquarks pesados, revolucionando así a física de partículas (era absolutamente inesperada a longa vida destes estados). Ting realizou o experimento MARK J no acelerador PETRA de Hamburgo, onde se descubriu o gluón como partícula real e se tiveron os primeiros datos sobre a existencia do bosón Z a través da súa interferencia co fotón. Posteriormente dirixiu un dos catro experimentos do acelerador LEP no CERN, cunha significativa participación española -con, entre outros, o profesor da USC Bernardo Adeva, padriño hoxe do Nobel en Santiago, á cabeza-, onde se puxo de manifesto a existencia de só tres xeracións de neutrinos lixeiros e se acadaron as cotas esencialmente vixentes na actualidade para a exclusión do bosón de Higgs, ao inicio do LHC. Busca de antimateria no espazo Desde principios dos 90 dirixiu o experimento espacial AMS dedicado á busca de antimateria no espazo exterior e cuxa segunda fase inclúe o seu lanzamento o próximo 27 de febreiro desde o Kennedy Space Center no transbordador espacial Endeavour rumbo á Estación Espacial Internacional. Esa será a última misión da historia dos transbordadores espaciais que comezara en 1981 co Columbia. O Profesor Ting é un defensor da busca radical de novos avances en Física e da simplicidade intrínseca dos grandes descubrimentos, cultivando sempre a excelencia experimental. Na súa visita a Santiago estivo acompañado, ademais do profesor e coordinador de ConCiencia Jorge Mira, dos profesores Bernardo Adeva e Manuel Aguilar, este último director do departamento de Investigación Básica do Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT). Samuel Ting asinou no Libro de Honra da USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.08.2021.