Noemí Salomón e Anaís Fernández achegarán no Paraninfo a obra do mestre Vide
O Paraninfo da Universidade será o vindeiro 9 de xaneiro o escenario no que a pianista Noemí Salomón e a soprano Anaís Fernández interpretarán unha selección da extensa obra para piano e canto-piano do mestre José Fernández Vide. O concerto comezará ás 20.30 horas na Facultade de Xeografía e Historia organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia en colaboración coa USC.
O musico e investigador Óscar Ibáñez cualifica como “complexa tecnicamente” a obra para piano do compositor ourensán José Fernández Vide (1893-1981), e destaca “a enxebreza das súas numerosas muiñeiras e das súas dúas suites (alborada, alalá, muiñeira), dentro dunha produción que abrangue tamén a música de salón e do café-concerto, entre a que se atopa ademais un danzón como referencia á súa etapa cubana.
Da obra para canto e piano, en opinión de Óscar Ibáñez sobresaen “as súas fermosas canzóns, na liña das melodías galegas de Montes, Chané ou Baldomir, ás que Vide, dado o seu dominio do piano, outorgou un acompañamento enriquecido, conservando a unidade absoluta co canto, sobre poemas de Curros Enríquez, Manuel Murguía, Blanco Amor, Gayoso Frías, José Fariña Jamardo ou Matilde Lloria”, ás que se suman cancións en español, algunhas delas propias do espectáculo de variedades, e outras sobre ritmos cubanos, claras testemuñas das influencias da outra beira do Atlántico.
O historiador tamén destaca “o grande oficio” de José Fernández Vide e “unha completa formación, primeiro como neno de coro, logo como organista na catedral de Ourense e diariamente como docente, director do Orfeón Unión Orensana e músico de salón e café-concerto que inmediatamente se integra na vida musical da Habana a requirimento do Centro Gallego. Ao seu retorno a Ourense retomou o seu diverso labor musical que lle proporcionou recoñecementos, ligado paralelamente ao movemento galeguista, especialmente ao círculo ourensán da revista Nós.
Noemí Salomón Noemí Salomón Saavedra (Redondela, 1990) comezou a estudar piano con sete anos no Conservatorio Profesional de Música da súa vila natal, acadando o Grao Profesional que superou no Conservatorio Superior de Vigo. Paralelamente asistiu a diferentes masterclass con importantes profesionais como Josep Colom, Boris Berman, Paul Badura Skoda ou Albert Atenelle, e a cursos como a Sommer Akademie do Conservatorio Mozarteum de Salzburgo ou o Clavicologne International Piano Festival de Alemaña con profesores de gran prestixio internacional como Pavel Gililov, Siegfried Mauser, Andreas Fröhlich, Yuri Didenko, Arkadi Zenziper ou Jackes Rouvier.
En 2016 conseguiu a Mención de Honra nos Premios á Excelencia Musical Mans Futuro, que a levou a gravar o seu primeiro traballo discográfico en solitario titulado Beethoven y Ravel (Estudios Mans, 2016). Nese ano finalizou o mestrado de Interpretación de Piano na Universidade Alfonso X o Sabio de Madrid co mestre Leonel Morales.
Destacan os seus concertos no Teatro de Aquisgrán e no Auditorio da Hochschule für Musik und Tanz de Aachen (Alemaña), no Wienner Saal e Conservatorio Mozarteum de Salzburgo (Austria) e mais no Auditori i Palau de Congressos de Castelló (Valencia). Na actualidade é profesora de piano e pianista acompañante na Sociedade Musical e Conservatorio de Guimarães e na Escola Profissional de Música de Viana do Castelo.
Anaís Fernández Anaís G. Fernández Cerneira (Santiago de Compostela, 1992) comezou os seus estudos musicais con oito anos na especialidade de guitarra e posteriormente na de canto no Conservatorio Profesional de Santiago. Xa en 2016 acada o Grao Superior de Música na especialidade de canto con matrícula de honra e en 2017 o mestrado Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación profesional e Ensino de Linguas da USC.
Como intérprete, en 2012 participou na estrea europea de Coloquio, do compositor brasileiro Camargo Guarnieri, celebrada na cidade de Santiago de Compostela. Nese ano gaña ademais o II Festival Peregrinos Musicales na modalidade de solistas, realizando concertos acompañada da Real Filharmonía de Galicia, dirixida polo mestre Maximino Zumalave, e desprazándose a Moscova para participar no Concurso Internacional de Moscova.
Dende 2015 participou en concertos coa Orquestra Sinfónica Vigo 430 entre os que destaca o concerto no ciclo Xosé Filgueira Valverde acompañada polo mestre Maximino Zumalave. En 2017 debutou na ópera interpretando Rigoletto de Giuseppe Verdi coa asociación Amigos da ópera de Vigo. En 2016 acadou a Mención de Honor nos Premios á Excelencia Musical Mans Futuro, que a levou á gravación do seu primeiro traballo discográfico titulado Sobre a auga (Estudios Mans, 2016).
Na actualidade cursa o Máster de Especialización na Cátedra de Canto Alfredo Kraus da Escuela Superior de Música Reina Sofía cos profesores Ryland Davies e Rosa Domínguez, compaxinando esta formación coa súa labor interpretativa en concertos de ámbito nacional e internacional.