Ir o contido principal

Normalización Lingüística lanza a segunda convocatoria do curso de Habilidades Comunicativas 2022-2023

Cada un dos módulos consta de 25 horas e será recoñecido con 1 ECTS por competencias transversais (lingua) para todas as titulacións. FOTO: Santi Alvite
Cada un dos módulos consta de 25 horas e será recoñecido con 1 ECTS por competencias transversais (lingua) para todas as titulacións. FOTO: Santi Alvite
Trátase dunha actividade formativa dividida en tres módulos que poden cursarse de xeito independente e que se centran na redacción científica, falar en público e presentacións dixitais eficientes
Lugo, Santiago de Compostela

A USC acaba de lanzar a segunda convocatoria do curso de habilidades comunicativas correspondente ao curso 2022-2023, unha actividade formativa dividida en tres módulos que poden cursarse de xeito independente e que se centran na redacción científica, falar en público e presentacións dixitais eficientes. Cada un dos módulos consta de 25 horas e será recoñecido con 1 ECTS por competencias transversais (lingua) para todas as titulacións. O curso, impartido por medio de teledocencia na plataforma corporativa Teams, terá diferentes períodos de matrícula ao longo dos meses de febreiro, marzo e abril e está aberto a estudantes de calquera dos dous campus.

A redacción científica (módulo 1)

O obxectivo deste módulo é mellorar a competencia escrita e diríxese, sobre todo, ás persoas que se atopan no proceso de redacción dun documento científico: artigo, traballo académico de curso, traballo de fin de grao, traballo de fin de mestrado, proxecto de fin de carreira ou tese de doutoramento. A matrícula permanecerá aberta os días 27 e 28 de febreiro.

Falar en público (módulo 2)

Os e as estudantes da Universidade, ademais de contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos, tamén deben ter desenvolvidas as destrezas relacionadas coa comunicación oral. Así, deben facer fronte á defensa oral dun traballo científico ou académico, á exposición dun relatorio nun congreso, ou dun proxecto perante unha administración ou unha empresa, entre outros exemplos. “Neste sentido, entendemos que na actualidade o mercado laboral esixe un alto dominio das capacidades de comunicación, e que estas son un elemento fundamental para enfrontarse ao ámbito formal e tamén laboral”, explican dende o Servizo de Normalización Lingüística da USC. A matrícula estará aberta os días 15 e 16 de marzo.

Presentacións dixitais eficientes (módulo 3)

“As presentacións son cada vez unha ferramenta máis común na vida do alumnado universitario, pero por desgraza é frecuente ver pantallas que, nacidas para o apoio ao discurso oral, son atrancos para a transmisión do coñecemento. Demasiado texto con letra moi pequena, cores que non se ven, ou transicións efectistas de máis, entre outros aspectos, son algunhas das características de moitas das presentacións das aulas universitarias”, apuntan dende Normalización. Preténdese que, nun mundo onde priman cada vez máis os recursos visuais, o alumnado universitario saiba onde están as bases para crear presentacións con calidade e para lograr o efecto desexado: transmitir mellor o coñecemento científico. A matrícula estará aberta o 19 e 20 de abril.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2023.