Ir o contido principal

Normalización Lingüística ofrece unha nova oportunidade para matricularse nos cursos de lingua galega para non galegofalantes

O prazo de matrícula para o segundo cuadrimestre remata o día 1 de marzo

O Servizo de Normalización Lingüística da USC ofrece ás persoas con moi escasos coñecementos de galego ou capaces de falar esta lingua aínda que con dificultades unha nova ocasión para ampliar as súas habilidades no uso do galego por medio dos Cursos de lingua galega para non galegofalantes.
Logo da edición celebrada no primeiro cuadrimestre, o curso repetirase no segundo para o que xa está aberto o prazo de matrícula ata o vindeiro día 1 de marzo estendéndose as clases entre o 5 de marzo e o 23 de maio. Os cursos terán unha carga lectiva de 40 horas, a impartir en horario de 8:00 a 9:00 horas de luns a xoves, estruturado en dous niveis, Básico I e Básico II.
Ao remate das sesións teórico-prácticas abrirase o período de exames, do 28 ao 31 de maio, no que se realizarán varias probas sobre comprensión de textos escritos, expresión escrita, comprensión da lingua oral e expresión oral. Superadas estas probas a Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia outorgarán un certificado de aptitude. Ademais, aos estudantes estranxeiros ou aos provenientes de fóra da comunidade galega recoñeceráselle tres créditos de libre configuración por cada curso.
Estes cursos, que se van celebrar na Facultade de Xeografía e Historia en Santiago e na de Administración e Dirección de Empresas en Lugo, teñen un prezo de 10 euros para os membros da USC e de 60 para os non membros. Para acadar máis información sobre esta convocatoria, as persoas interesadas teñen a súa disposición á paxina web do Servizo de Normalización Lingüística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2023.