Ir o contido principal

O norte de Portugal transfire a Galicia parte do seu ozono

Investigadores da Universidade de Santiago e da portuguesa de Aveiro acaban de deseñar un sistema de cálculo da contaminación atmosférica baseado nos modelos WRF-CHIMERE para simular o aire contaminado por ozono (O 3) que se produce simultaneamente en Galicia e norte de Portugal na época estival. O obxectivo deste estudio do que dá conta a Plataforma Sinc era saber canta desa contaminación procede de fontes de emisión locais e cal é a influencia transfronteiriza. Como explican os investigadores, en verán os niveles de O 3 na atmosfera aumentan con frecuencia. En Galicia, debido ás emisións humanas e á elevada vexetación, tamén se rexistraron episodios estivais de altas concentracións de ozono que merman a calidade do aire. O sistema de modelización da atmosfera aplicado ao noroeste peninsular polos investigadores da USC e da Universidade de Aveiro detectou unha transferencia de ozono do norte de Portugal cara Galicia. “No norte de Portugal detectáronse episodios de ozono troposférico de maior intensidade que en Galicia, polo que desenvolvemos unha colaboración coa Universidade de Aveiro para investigar posibles sinerxías entre os niveles de ozono en Galicia e norte de Portugal”, explica o investigador de Enxeñaría Química da USC José Antonio Souto Gonzalez, coautor do estudo que publica a revista Environmental Science and Pollution Research. A investigación recollida neste artigo ten a súa orixe nun estudo previo sobre os episodios de incremento de ozono troposférico no noroeste da Península Ibérica dende 2001 ata 2007. En total, analizáronse 42 episodios. “Ao unir estes datos cunha vasta experiencia en modelos meteorolóxicos e de calidade do aire, un dos resultados é que parte do ozono troposférico detectado en Galicia ten unha orixe transfronteriza”, explica o investigador. Este aumento por influencia da contaminación do país veciño é moi variable e dependente das condicións meteorolóxicas en superficie e en altura. Do total dos 42 episodios, os investigadores escolleron o de agosto de 2007 que comezou a desenvolverse sobre as áreas urbanas e industrializadas da costa do norte de Portugal e Galicia debido ás emisións locais. Segundos os autores do traballo, alcanzou os seus picos máximos en zonas do interior, debido á brisa do mar do oeste que reflicte a contaminación costeira cara terra e que se intensificou polo vento nor-noroeste predominante. “Estes episodios son un exemplo da importancia do transporte transfronteirizo da contaminación atmosférica, especificamente da contaminación fotoquímica que cada ano se produce entre estas dúas rexións”, engade Souto. Para os investigadores, os resultados indican que a xestión da calidade do aire non debe limitarse ás fronteiras políticas e deben unirse esforzos entre ambos países para diminuír este tipo de polución.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2013.