Ir o contido principal

Notable actuación dos equipos de judo e atletismo da USC nos campionatos desta fin de semana

Os deportistas da USC Ana García e David Mera conseguiron a medalla de ouro e de bronce, respectivamente, na fase de sector do Campionato de España de judo celebrado na localidade asturiana de Llanes. Ana García, que deixou patente a súa superioridade en todos os combates celebrados na súa categoría (menos de 63 quilogramos), é unha firme aspirante a loitar polo ouro na fase final do Campionato de España que se celebrará a semana que vén en Pamplona. Pola súa banda, no campionato David Mera (menos de 60 kg) estivo a piques de disputar a final e acceder así ao ouro. Finalmente acadou o bronce nunha actuación xeral sensacional. Atletismo O equipo de atletismo da Universidade de Santiago fíxose con tres podios nos campionatos galegos disputados a pasada fin de semana. Así, a atleta infantil Lucía Suárez Crespo gañou o subcampionato galego de Campo a Través Escolar nunha carreira celebrada no circuíto pontevedrés do Concello de Portas. A súa vez, Claudia Fernández Couto Álvarez conseguiu o terceiro posto na proba da categoría alevín. Tamén destacou a actuación de Martín Darriba Crespo, cun sexto posto.

Ademais, varios atletas das categorías xuvenil, junior e promesa participaron no Campionato Galego en Pista Cuberta. Destacaron as actuacións de Alvaro Veiga Vázquez, medalla de bronce na proba de 400 metros lisos, e de Anxo Carreira Casais, segundo clasificado na serie de 50 metros lisos e quinto na final xuvenil. En promesas, Nicolás López Lagoa acadou a cuarta posición na proba de 50 metros lisos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.02.2012.