Ir o contido principal

Novas datacións mudan a interpretación do monumento de Santalla de Bóveda

Traballo de recollida de mostras en 2020. FOTO: Rebeca Blanco-Rotea
Traballo de recollida de mostras en 2020. FOTO: Rebeca Blanco-Rotea
Aínda que ten orixe tardorromana no século IV, o edificio sufriu a partir do século VII importantes reformas que transforman a súa fisionomía, tal e como acaba de constatar un equipo interdisciplinario da USC e da UDC
Lugo, Santiago de Compostela

Un equipo interdisciplinario da USC e da UDC conseguiu determinar, a través dunha combinación de diferentes metodoloxías arqueolóxicas, xeolóxicas e xeocronolóxicas, as principais fases construtivas do monumento lucense de Santalla de Bóveda, unha das edificacións máis senlleiras e enigmáticas do noroeste peninsular. Sobre a súa función e cronoloxía existe un continuo debate entre expertos dende principios do século XX. Rebeca Blanco-Rotea, investigadora do grupo de investigación Síncrisis da USC e directora arqueolóxica do proxecto financiado pola Fundación Palarq, presentou as conclusións deste estudo pioneiro en Europa no Museo Provincial de Lugo.

Dende a segunda década do século XX, o templo de Santalla de Bóveda ten sido obxecto de todo tipo de interpretacións históricas que tentaban explicar a singularidade e orixe dun monumento único no noroeste peninsular e con escasos paralelos en Europa occidental. Da relevancia do monumento dá conta o feito de que fose declarado Monumento Nacional en 1931 e Ben de Interese Cultural en 1996. A interpretación máis estendida sobre a súa función é a de que se trata dun templo pagán de época romana, posteriormente reconvertido ao culto cristián. A partir desta asociación de Bóveda cun espazo relixioso romano, téñense interpretado os seus elementos decorativos, como os frescos interiores ou os relevos da entrada, dende unha perspectiva da relixión e mitoloxía romanas.

As novas datacións permitiron determinar que o monumento en realidade pasou por tres fases principais. A fundación do edificio visible hoxe en día corresponde á época romana baixo imperial (na segunda metade do século IV d. C.), na liña do argumentado por diversos investigadores ata a actualidade. Porén, as datacións obtidas tamén revelan que as famosas pinturas da bóveda da aula subterránea que sostén o edificio son ben posteriores á época romana. Realizáronse no século VII, durante o dominio xermánico de Gallaecia. “Convértense, así, na máis destacada mostra da escasa pintura cristiá tardoantiga e altomedieval do noroeste peninsular e pode mesmo ser un precedente da pintura prerrománica mural asturiana”, explican os investigadores. As datacións tamén sinalan que Santalla de Bóveda conta cunha importante fase de desenvolvemento altomedieval: a bóveda da planta superior foi construída entre os séculos X e XI, nun momento de especial desenvolvemento económico e político do reino de Galicia. Esta cronoloxía coincide con outras datacións obtidas en varias igrexas altomedievais galegas. Posteriormente a estas datas, producíronse outras reformas e accións de mantemento no edificio.

“Dende un punto de vista histórico, os resultados deste proxecto de investigación abren novas incógnitas e preguntas ao redor da construción e reconstrución de Santalla de Bóveda e a súa relación cos poderes e a relixiosidade da primeira Idade Media galega”, apuntan. Nese sentido, obrigan a repensar as orixes do edificio e a súa transformación.

Técnicas pioneiras

Os achados puideron ser realizados grazas a unha combinación de técnicas do ámbito da Arqueoloxía da Arquitectura: dende a lectura detallada dos paramentos realizada pola arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea e o equipo da USC e do Incipit-CSIC, ata a análise dos morteiros e material cerámico dos muros levado a cabo polo investigador Jorge Sanjurjo-Sánchez da UDC, ou o estudo petrográfico por parte de David Freire-Lista da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e do Centro de Geociencias da Universidade de Coimbra (CGeo). Recolleuse a elevada cifra 25 mostras de morteiro e tixolos de diferentes puntos do monumento e dos restos conservados no Museo Provincial de Lugo da bóveda central, hoxe desaparecida, no 2007 e 2020. As mostras datáronse por Luminiscencia Opticamente Estimulada (OSL) e Termoluminiscencia (TL) no Instituto de Xeocronoloxía da UDC. A OSL é unha técnica de análise por luminiscencia que permite datar os áridos dun morteiro sen necesidade de que exista materia orgánica, como era imprescindible no ámbito da arqueoloxía ata hai pouco tempo. A OSL permite coñecer cando o cuarzo que constitúe o árido dun morteiro estivo exposto á luz do sol por última vez, momento no cal comézase a contar o tempo de fabricación dese morteiro ou tixolo ata a actualidade.

As datacións das últimas mostraxes foron complementadas e contrastadas con outra técnica xa máis coñecida, o Carbono 14, mais analizando dous tipos de materia: carbón e carbonato. A partir de carbóns localizados nos muros e da separación do ‘carbonato arqueolóxico’ dos morteiros, un laboratorio norteamericano externo obtivo tamén datacións que constataron a coherencia dos resultados entre os dous tipos de mostras e os dous laboratorios. “A metodoloxía científica empregada e o volume de mostras analizado converten a Santalla de Bóveda nunha referencia internacional pioneira na combinación destas novas técnicas de datación de edificios”, aclaran os investigadores. As mostras de morteiro foron caracterizadas con microscopía óptica de polarización e difracción de raios X, o que permitiu identificar os materiais utilizados en cada unha das fases construtivas.

Presentación do estudo

Blanco-Rotea estivo acompañada de Maite Ferreiro Tallón, vicepresidenta da Deputación de Lugo, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística Provincial de Lugo e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo. O coordinador do estudo cronolóxico, Jorge Sanjurjo-Sánchez, e outros membros do equipo impartiron, asemade, unha charla explicando os resultados.

As novas datacións permitiron determinar que o monumento en realidade pasou por tres fases principais
As novas datacións permitiron determinar que o monumento en realidade pasou por tres fases principais
Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2021.