Novas ferramentas para o monte galego
A Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (Uxa Fores) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC contribúe á posta en valor e ao aproveitamento do monte e dos recursos forestais de Galicia a través do desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia, unha ferramenta que contará co sistema de monitorización máis avanzado do mundo, segundo subliña o investigador César Pérez Cruzado. O novo documento desenvolverase ao longo do trienio 2020-2022 no marco dun convenio financiado con 574.000 euros achegados pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e no que tamén colaboran investigadores da área de Enxeñaría Agroforestal e Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo.
A elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia contará cun orzamento global de 640.000 euros, segundo se recolle no borrador do convenio que vén de autorizar a Xunta de Galicia. O deseño desta nova ferramenta, na que os distintos socios implicados comezarán a traballar previsiblemente durante o verán, permitirá facer un seguimento da superficie e do estado das masas de árbores, ademais de constituír un sistema de apoio á toma de decisións de materia de política forestal.
O Inventario Forestal Nacional, que achega estimacións do estado dos bosques para toda España cunha periodicidade de 10 anos, atende con suficiente precisión as características singulares e diferenciadas que presentan os bosques do Norte de España e, nomeadamente, as particularidades advertidas en Galicia.
O elevado crecemento dos bosques, a dispersión da propiedade forestal en parcelas de superficie moi pequena, e a demanda de información a escala moi reducida, son algunhas das razóns que xustifican a elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia, un documento que aspira a reportar datos actualizados con periodicidade anual respecto das principais variables de interese forestal e cuxo deseño atenderá especificamente as condicións do medio forestal galego.
Os investigadores da Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible da USC levarán a dirección científica do futuro Inventario Forestal Continuo de Galicia, un recurso documental de análise e control que se antolla clave para poñer en marcha políticas forestais concretas específicas para Galicia, tal e como pode ser o plan de recuperación de soutos tradicionais. De feito, o novo inventario permitirá localizar a superficie dedicada a este uso, cuantificar o seu estado de desenvolvemento, analizar as características desta tipoloxía de bosque e monitorizar a súa evolución.
Uso de sensores remotos
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC e as áreas de Enxeñaría Agroforestal e Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría da UVigo son os únicos centros universitarios galegos que contan con unidades técnicas e científicas especializadas en materia de inventariado forestal mediante o uso de sensores remotos, dispositivo acaídos para sortear as dificultades de localización e medición de parcelas forestais pequenas e dispersas. Alén de dispoñer dos recursos materiais, cómpre salientar que o equipo de investigación UXA Fores da USC xa está a desenvolver na actualidade diferentes liñas de investigación relacionadas coa uso de tecnoloxía Lidar na xestión forestal.