Ir o contido principal

Novas metodoloxías permiten a realización de análises input-output (inter)rexionais con datos escasos

Os resultados da tese poden aplicarse en fenómenos económicos, sociais e medioambientais.
Os resultados da tese poden aplicarse en fenómenos económicos, sociais e medioambientais.
A tese de Fernando de la Torre Cuevas céntrase nesta ferramenta empregada para estudar fenómenos económicos, sociais e medioambientais pero que adoita sufrir escaseza de datos detallados para as distintas escalas subnacionais
Santiago de Compostela

A análise input-output é unha ferramenta amplamente empregada pola ciencia rexional para estudar fenómenos económicos, sociais e medioambientais. A nivel (inter)rexional esta ferramenta analítica sofre o problema da escaseza de datos detallados para as distintas escalas subnacionais. Este problema faise particularmente agudo naquelas rexións menos desenvolvidas, onde adoita non haber recursos suficientes para conseguir información. Partindo desta premisa, o investigador Fernando de la Torre Cuevas acaba de desenvolver na súa tese de doutoramento novas metodoloxías que permitan a realización de análises a través de modelos input-output (inter)rexionais con datos escasos.

“Na literatura especializada existe un certo consenso á hora de afirmar que a construción de modelos input-output híbridos—aqueles que combinan observacións directas con estimacións indirectas—constitúen a solución máis eficiente ao problema da escaseza de datos”, sinala o investigador do grupo Ecoagrasoc.

Na súa tese, ‘Expandindo os métodos híbridos para a construción de modelos input-output (inter)rexionais’, o investigador introduce tres innovacións metodolóxicas que flexibilizan os requirimentos de información para solucionar tres problemas asociados con este tipo de modelos. En primeiro lugar, abórdase a actualización das táboas de orixe-destino en presenza de información conflitiva. En segundo lugar, ofrécese unha alternativa metodolóxica para a deflación de estatísticas input-output relaxando os requirimentos de información. Por último, preséntase unha innovación que permite a inserción de modelos input-output rexionais dentro de modelos de escala mundial estendendo as posibilidades de investigar a dimensión rexional das cadeas globais de valor.

Para cada unha destas innovacións, realízase unha descrición matemática detallada e realízanse os correspondentes contrastes empíricos para comprobar o grao de acerto das estimacións. Como resultado xeral da investigación, este traballo mostra como é posible expandir o alcance da análise input-output a nivel rexional combinando información recompilada a través da observación directa con estimacións indirectas dunha maneira máis flexible e eficiente.

A tese deu lugar ao rexistro como propiedade intelectual dun algoritmo, ‘KRAS modificado: axuste de matrices input-output con información conflitiva’, con utilidade directa para organismos de investigación que utilicen marcos input-output, axencias e institutos estatísticos a nivel rexional ou de países en vías de desenvolvemento, e organismos produtores de modelos input-output multirrexionais.

O traballo dirixido polos profesores Edelmiro López Iglesias e Xesús Pereira López, no marco do Programa de Doutoramento en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica, obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude e mención internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2023.