Tres novas normas UNE en galego grazas ao labor do Servizo de Normalización Lingüística da USC
A mediados da década pasada Aenor, en colaboración coa Xunta de Galicia, publicou versións en galego dalgunhas normas UNE-ISO, un labor que se detivo en 2008 pero que se recuperou o pasado ano coa sinatura dun convenio de colaboración coa USC para volver publicar normas UNE no noso idioma.
Como resultado desta colaboración, desde setembro de 2015 ata hoxe o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago traduciu tres normas (9001:2015 ‘Sistemas de xestión da calidade. Requisitos’; 9004:2009 ‘Xestión para o éxito sostido dunha organización. Enfoque de xestión da calidade’; e 14001:2015 ‘Sistemas de xestión ambiental. Requisitos con orientación para o seu uso’), que xa están dispoñibles no catálogo de Aenor, e ten previsións de rematar outras tres durante este 2016.
Para o responsable do SNL, Manuel Núñez Singala, esta iniciativa “debería manterse no tempo, sobre todo nun momento en que a Xunta de Galicia está poñendo en marcha o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico”.
Para explicar o seu contido e avanzar futuros traballos, este mércores ofreceron unha rolda de prensa en Fonseca o delegado de Aenor en Galicia, Martín Pita; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o vicerreitor de Comunicación, Xosé Pereira; e a vicerreitora de Servizos do Campus de Lugo, Carme Silva.