Ir o contido principal

As novas promocións de enxeñeiros e mestres de Educación Infantil celebran este sábado os actos de graduación en Lugo

As novas promocións de titulados nos graos de Enxeñaría Civil, Xeomática e Topografía, Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, así como do grao en Mestre de Educación Infantil, formados nos distintos centros universitarios do Campus Terra da USC celebrarán este sábado 11 de xuño os seus respectivos actos de graduación.

O acto de graduación dos novos enxeñeiros formados na Escola Politécnica Superior de Lugo desenvolverase, ás 17.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria, no marco dunha cerimonia conxunta que está presidida polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo da USC, Javier Bueno, e na que tamén intervirá o director da EPS, Tomás Cuesta García. O presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas (Coita) de Lugo, José Armando Rey, e Marcos Vázquez Marey, como vogal deste órgano colexiado, tamén participarán na sesión. O desenvolvemento deste acto de graduación conxunta das novas promocións de enxeñeiros titulados na Escola Politécnica Superior comezará coa intervención inicial das a autoridades presentes, trala que se procederá á entrega de insignias e á imposición de bandas dos futuros titulados e a correspondente intervención dos representantes do estudantado e dos padriños nomeados no caso de cada titulación. Daquela, Carlos Núñez Temes actuará como padriño nos novos titulados en Enxeñaría Civil, mentres que Pablo Vila Lameiro apadriñará aos graduados en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural. Benigno Ruiz Nogueira será o padriño dos estudantes que remataron os estudos de grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Jaime Rodríguez Pereña apadriñará á última promoción do grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía. Grao de Mestre de Educación Infantil O acto de graduación da terceira promoción de estudantes que completaron os estudos do grao en Mestre de Educación Infantil na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo citará este sábado, a partir das 18.00 horas, no Hotel Torre de Núñez de Lugo, uns 70 mozos e mozas, no marco dunha sesión que estará presidida pola vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva. O decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás, e o profesor da USC neste centro universitario lugués Pablo García María, quen actuará como padriño dos novos graduados, tamén intervirán como relatores no marco desta cerimonia de graduación. Natalia Fernández López a Ignacio González Almuíña tomarán a palabra no acto en calidade de representantes desta terceira promoción do grao en Mestre de Educación Infantil.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2016.