Novas rutas de sendeirismo para o mes de setembro
A Área de Deportes da Universidade de Santiago organiza para este mes dúas novas rutas de sendeirismo xunto coas xornadas de Iniciación á Escalada e Perdendo o medo á ‘bici’. O prazo de inscrición xa está aberto.
O primeiro dos percorridos será o sábado, día 20, e discorrerá polo Parque Natural de Corrubedo. Recorrerán entre 10 e 13 quilómetros sen desnivel e cunha dificultade baixa. A segunda das rutas, programada para o sábado 27, sumará entre 12 e 15 quilómetros cun desnivel baixo e unha dificultade media-baixa. O prazo para anotarse remata o mércores anterior á realización da ruta.
As xornadas de Iniciación á Escalada serán no Estadio de Atletismo de 11:00 a 13:00 horas. As sesións para aprender a montar en bicicleta terán lugar no Campo de Hoquei Herba de 16:00 a 18:00 horas. As dúas actividades, destinadas a maiores de dezaoito anos, celebraranse os días 23, 24 e 25. Para participar cómpre levar roupa cómoda e calzado axeitado.
As persoas interesadas en obter máis información poden acudir ás oficinas da Área de Deportes, emprazadas na Piscina Universitaria, ou ben nas extensións 15070-15071-15072-15073-15076 ou a través da web.