Ir o contido principal

Novas solucións para o sector alimentario

Investiadores e socios do Clusaga abordan no Campus de Lugo da USC os retos do sector alimentario
Investigadores do Campus de Lugo e socios do Clusaga abordan no edificio Cactus de Lugo os retos do sector alimentario
O I+D+i ligado ao sector primario e alimentario desenvolvido no Campus Terra da USC conecta cos retos estratéxicos do Clusaga e xerou máis de 23,5 millóns no trienio 2016-18
Lugo

Os proxectos e actuacións de I+D+i ligadas ao sector primario e alimentario ou ben relacionadas coa loita e mitigación dos efectos derivados do cambio climático que se están a desenvolver no Campus de Lugo da USC conectan en grande medida co retos estratéxicos programados desde o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) co obxectivo de que o sector alimentario avance nos eidos da sustentabilidade ambiental e económica, así como na innovación e no desenvolvemento de produtos e alimentos acaídos para satisfacer as novas necesidades e as demandas cambiantes da poboación.

A xornada informativa celebrada este mércores polo Clusaga no edificio Cactus da sede universitaria luguesa serviu para constatar as múltiples sinerxías que conectan o labor de I+D+i que desenvolven diversos grupos de investigación do Campus Terra da USC coas estratexias do Clúster Alimentario de Galicia. Este órgano sectorial suma un total de 65 socios, entre universidades, centros de investigación e innovación, empresas e outras organizacións do sector alimentario, e traballa a prol da cultura da innovación e da difusión e aplicación do coñecemento, a fin de impulsar a creación de valor, a través de novos produtos e/ou procesos, que repercutan tamén en maiores cotas de seguridade, calidade e sustentabilidade, tanto económica como medioambiental.

As liñas estratéxicas do Campus Terra da USC están perfectamente aliñadas cos obxectivos do Clusaga, salientou a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, a apertura deste foro informativo e de debate, que nas próximas semanas percorrerá o resto dos campus universitarios de Galicia na procura de posibles novas alianzas e recursos de I+D+i.

A marcada orientación da sede universitaria luguesa cara ao sector primario e a alimentación, desde os procesos de produción, a conservación e ordenación do territorio, sustentabilidade ambiental e mitigación de efectos do cambio climático, ata o desenvolvemento de produtos alimenticios innovadores ou a mellora da seguridade e da calidade doutros alimentos tradúcese tamén na súa I+D+i, unha produción científica ligada en grande medida á Agrupación  Estratéxica de Investigación do Campus Terra (BioReDes) e que no último trienio contabilizado (2016-18) xerou un volume de negocio de máis de 23,5 millóns de euros.

As vantaxes do emprego de cinzas de biomasa para a fertilización e conservación de solos degradados, a mellora xenética de especies autóctonas de cereais como trigo ou millo, a utilidade da valoración e testaxe sensorial para o deseño e desenvolvemento de novos alimentos con máis valor engadido, benestar animal, cuestións ligada a mellorar as actuais organizacións de loxística e distribución, as múltiples aplicacións e vantaxes que depara a acuicultura, a seguridade alimentaria ou novos aproveitamentos de recursos forestais para toneis centraron algunhas das liñas de I+D+i desenvolvidas no Campus Terra da USC presentadas neste foro do Clusaga.

A xornadas serviu asemade para presentar ao sector alimentario galego a existencia no Campus de Lugo da USC da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, unha infraestrutura tecnolóxica de vangarda que, ademais de produtos lácteos, tamén ofrece solucións innovadoras para  o deseño e elaboración doutros produtos alimenticios.

 

A vicerreitora Montserrat Valcárcel, á dereita, deu a benvida aos participantes nesta xornada informativa do Clusaga
A vicerreitora Montserrat Valcárcel, á dereita, deu a benvida aos participantes nesta xornada informativa do Clusaga
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.01.2020.