As novas tendencias en cirurxía implantolóxica e periodoncia avanzaranse en Medicina
As Universidades de Santiago e de Gotemburgo (Suecia), en colaboración coa empresa Astra Tech Dental, desenvolven este sábado 21 na Facultade compostelá de Medicina e Odontoloxía un curso internacional sobre novas tendencias en cirurxía implantolóxica e periodoncia.
Moderado polo profesor da USC Abel García-García, o encontro científico dará comezo ás 9:00 horas no salón de actos Novoa Santos do centro prolongándose durante todo o día, no que se sucederán relatorios sobre cuestións específicas como a elevación de seno maxilar, a periimplantite, as claves para a obtención de resultados estéticos mediante implantes ou a rehabilitación con implantes da rexión posterior do maxilar superior.
Entre os relatores destacan expertos como José Ferreras, cirurxán oral e maxilofacial do Centro Hospitalario Universitario da Coruña; Luis Antonio Aguirre, da Universidade do País Vasco; ou Karl-Erik Kahnberg, da Universidade sueca de Göteborg.