Ir o contido principal

As tres novas veterinarias do Rof Codina reciben as súas credenciais de bolseiras

Foron contratadas mediante un convenio con Caixanova para reforzar o servizo de urxencias

Ana Torres, Asunción Hernández e Ana Carpintero, as tres novas veterinarias que se incorporarán en 2009 ao servizo de atención continuada do Hospital Clínico Veterinario Rof Codina, recibiron este luns 22 as súas credenciais de bolseiras. Este novo persoal facultativo foi contratado para reforzar a atención profesional no horario de 21:00 a 8:00 horas deste centro, grazas a un convenio asinado con Caixanova, que se encarga do financiamento destas novas traballadoras.
No acto, que se celebrou nas propias instalacións, estiveron presentes o persoal do hospital; a súa directora, María Luisa Suárez Rey; e o seu xerente, Luis Felipe de la Cruz Palomino, acompañados do director do Instituto de Desenvolvemento de Caixanova, Carlos Palleiro Álvarez, e o xefe comarcal da entidade, Jesús Fernández Vidal.
Esta ampliación do cadro de persoal ten unha duración dun ano sen posibilidade de renovación e a súa función é o fomento do emprego no sector ofrecendo unha formación con máis garantías de éxito para entrar no mercado laboral unha vez rematado este período.
Coa incorporación destas novas profesionais, o servizo de urxencias contará cun facultativo de garda como ata o de agora, unha destas veterinarias e os habituais alumnos, que están realizando prácticas académicas ou estancias, co que estará totalmente reforzado. As fins de semana estará suplementado tamén cos internos e un ou dous alumnos.
Nesta segunda convocatoria, as tres veterinarias foron escollidas mediante un proceso de selección tras unha convocatoria pública na que só se presentaron cinco candidaturas de estudantes en Lugo. De todos os xeitos, a intención do Hospital e de Caixanova é continuar con este tipo de contratos subvencionados con fondos da entidade bancaria nos próximos anos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.12.2008.