Ir o contido principal

Novas vías para innovar en tecnoloxía educativa a través de Europa

Alumno en biblioteca con dispositivos móbiles
As tecnoloxías aplicadas á educación son o denominador común das liñas de traballo de Tecnoeduc. Foto: Santi Alvite
O grupo Tecoeduc da USC celebrou distintas xuntanzas e actividades formativas no marco dos consorcios internacionais nos que toma parte

Persoal investigador do grupo Tecnoeduc da Facultade de Ciencias da Educación da USC está a desenvolver diferentes xuntanzas e eventos formativos en Dinamarca, Italia e Portugal no marco dos consorcios internacionais nos que toma parte. Centrado na tecnoloxía educativa, este equipo de investigadores e investigadoras coordinado pola profesora Carmen Fernández Morante, constitúe na actualidade a única unidade de investigación da USC especializada en e-learning.

DLAB2

A cidade danesa de Aalborg foi o escenario no que se desenvolveu un evento de formación para estudantes de maxisterio, profesorado universitario e docentes de Educación Primaria e primeiros cursos de Educación Secundaria, sobre o uso e aplicación da tecnoloxía nos procesos de ensino aprendizaxe. Esta acción formativa correu a cargo de Lorena Casal Otero e Milagros Trigo Miranda, acompañadas dun docente do CPI O Cruce, Marcos Corgo,  e de catro estudiantes de maxisterio da Facultade de Ciencias da Educación, dous deles a través de  videoconferencia. Esta actividade enmárcase no proxecto Digital Learning Across Boundaries 2 (DLAB2) de tres anos de duración. O obxectivo de DLAB2 é converter os escolares europeos en axentes de cambio capaces de crear conciencia ambiental e actuar en favor dun mundo máis sostible utilizando, para iso, tecnoloxías de realidade virtual e aumentada.

UPPscale

Tamén en Dinamarca, na Universidade de Via, desenvolveuse a segunda xuntanza de coordinación do proxecto University Practice Schools: sustaining collaboration across learning enviroments (UPPscale), liderado pola Universidade de Plymouth. Este proxecto contempla un estudo piloto de experiencias innovadoras en cinco países (Bélxica, República Checa, Dinamarca, Inglaterra) que permitirá  testar actividades educativas mediante a colaboración entre escolas e facultades de educación para xerar espazos de intercambio non xerárquico que permitan mellorar a formación inicial do profesorado.

Schools21C

A finais do pasado mes de setembro varias investigadoras de  Tecnoeduc desprazáronse ata Salerno, en Italia, para participar no segundo encontro internacional de coordinación do proxecto europeo competitivo  Schools for 21st Century (Schools21C). despois de dous anos de actividade virtual pola pandemia. Esta iniciativa, coordinada polas profesoras Beatriz Cebreiro López e Carmen Fernández  Morante, ten como obxectivo crear unha metodoloxía  educativa e infraestrutura de radio dixital para que as escolas implanten itinerarios educativos que teñan a radio educativa como elemento central. Deste xeito, facilítase o intercambio de boas prácticas innovadoras entre o profesorado e centros educativos europeos sobre o desenvolvemento de competencias transversais clave mediante o uso da radio educativa.

DTICEQT

Finalmente, o proxecto ‘Digital Technology, Imagination, Creativity and Entrepreneurship for High Quality Teaching’ (DTICEQT) celebrou a súa primeira xuntanza na localidade portuguesa de Barcelos. Favorecer o desenvolvemento de habilidades de ensino dixital entre o profesorado e identificar as áreas de aprendizaxe nas que o ensino dixital creativo podería mellorar a experiencia do alumnado constitúe a meta deste proxecto que acaba de botar a andar. Na reunión tomaron parte Carmen Fernández Morante, Beatriz Cebreiro López, Milagros Trigo Miranda, Javier Garbayo Montabes e Enrique Latorre Ruiz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.11.2021.