Ir o contido principal

Novedades Carminha e Deteriorados protagonizarán este xoves unha verbena de inicio de curso

Cartel da verbena deste próximo xoves 10
Cartel da verbena deste próximo xoves 10
A partir das 21.30 horas no campus Sur, na zona diante dos Colexios Maiores
Lugo, Santiago de Compostela

Novedades Carminha protagoniza este xoves 10 a verbena de inicio do curso 19/20 cunha actuación no Campus Sur, na zona diante dos Colexio Maiores. Os primeiros acordes resoarán a partir das 21.30 horas, da man de Deteriorados, “banda interxeracional de Country & Blues Heróico do Delta do Morrazo”.

O repertorio de Novedades Carminha arrancará ás 22.30 horas tendo como eixo o seu último traballo Ultraligero, “un álbum de concepto en torno á musica de baile, un recopilatorio de singles e o repertorio máis sólido e coherente” deste grupo ata a momento. Trátase dun “exercicio que os presenta como unha banda portadora da bandeira do romanticismo macarra á pista de baile”. Novedades Carminha “acércanse a rexistros como o dub, a rumba, o funk-soul, a cumbia, a música disco, o chiptune, o hip-hop máis espacial ou o dancehall e impoñendo a súa particular marca en cada un dos seus movementos”.

Deterioridados
Deteriorados está composta por cinco persoas con idades comprendidas dende os case 70 anos ata os 20 anos caracterizados por un estilo moi singular, uns instrumentos pouco convencionais e un repertorio exclusivo. Levan en forma musical a filosofía "vulnerables" (un proxecto de envellecemento activo interxeracional vinculado á USC) por toda a comunidade galega.

Este colectivo nace co desexo de continuar creando e desenvolvendo unha actividade cualitativa tras a xubilación. Neste senso, reivindican o “empoderamento da palabra vello e vella, e desprendela dos perxuizos que habitualmente a acompañan, así como desterrar outras acepcións do tipo: sénior, terceira idade… que non son máis que puros eufemismos”.

A verbena
Esta verbena de inicio de curso é unha iniciativa da USC e a Asociación de Restauradores da Universidade compostelá (ARUS), que ademais conta coa colaboración do Concello de Santiago e o patrocinio de Xunta de Galicia, Xacobeo 2021, Banco Santander e Abanca.

A través dunha iniciativa de microdoazón, primeira desta natureza e entidade na USC, tamén achegan o seu patrocinio para esta actividade cultural outras empresas da contorna ou relacionadas coa universidade: A Nave de Vidán, Airas Cátering, R (compañía de teléfono), Campus na Nube, Arines, OnCampus, SITUM, Deyman, CYS Hispania, Sarpel, Balidea e Seguridade A1.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2019.