Ir o contido principal

Os novos colexios oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática e de Enxeñaría de Informática de Galicia preséntanse este martes na ETSE

Ambos os dous colexios oficiais celebrarán os vindeiros días 14 e 15 as súas asembleas constituíntes

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC acolle este martes 11 unha mesa redonda na que se dará conta dos recentemente creados colexios oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática e de Enxeñaría de Informática de Galicia. A xornada comezará ás 18:30 horas no Salón de Actos da Escola.
Na mesa participarán o vicepresidente da Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia (AEIG), Antonio de Andrés Lema; o secretario da asociación, Juan Otero Pombo; Javier Rodeiro Iglesias, como primeiro presidente da Asociación; e os candidatos á presidencia dos Colexios, Fernando Suárez Lorenzo, María José Durán Domínguez e Leticia Diz Bengoechea.
Este acto, aberto ao público en xeral pero especialmente a enxeñeiros e estudantes das titulacións de informática, completa unha quenda de presentacións nas tres universidades galegas e, posto que os titulados galegos aínda poden censarse para as asembleas constituíntes, trátase dunha oportunidade ideal para dar resposta a todas as dúbidas sobre os colexios profesionais e o futuro da profesión.
A celebración das asembleas constituíntes está prevista para o vindeiro venres 14 no caso do colexio profesional de Enxeñaría Técnica en Informática, e para o sábado 15 a de Enxeñaría Informática, ambas as dúas no Auditorio de Galicia.
Galicia converterase deste xeito na décima Comunidade Autónoma que conta con colexio profesional de enxeñaría en informática, ocupando o sétimo posto no caso da enxeñaría técnica en informática. O proceso que levou á aprobación, por parte do Parlamento de Galicia, das leis de creación comezou no ano 1998 cando AEIG (daquela ALIGA) presentaba as solicitudes de creación dos colexios. Coa publicación das leis de creación en decembro de 2006 deu comezo o proceso de constitución.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2007.